A Xunta destina 900.000 euros á colaboración coas universidades e organismos públicos de investigación en temas de igualdade entre mulleres e homes

O Servizo Galego de Igualdade convoca as axudas dos anos 2009 e 2010 co obxectivo de promover a creación e mantemento de centros, oficinas, cátedras e unidades de xénero, así como para a investigación e a realización de estudos, cursos, ou actividades específicas nesta materia. As subvencións concederanse para o desenvolvemento de programas innovadores que teñan como obxectivo principal temas relacionados coa igualdade de oportunidades e os problemas actuais das mulleres.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a orde de axudas correspondente aos anos 2009-2010 pola que o Servizo Galego de Igualdade apoiará con 900.000 euros á colaboración co sector universitario e organismos públicos de investigación, para a promoción da igualdade. Estas subvencións teñen como obxectivo implementar actuacións específicas de igualdade de oportunidades no Sistema Universitario Galego, e nos centros de investigación, promovendo a investigación, a creación e mantemento de centros, oficinas, cátedras e unidades de xénero, e a realización de cursos e actividades específicas neste eido.

As axudas convocadas polo Servizo Galego de Igualdade, que recoñecen e premian o esforzo na obtención de resultados de calidade, concédense sobre a base do compromiso de desenvolver programas que teñan como obxectivo principal, temas relacionados coa igualdade de oportunidades e os problemas actuais das mulleres.

Xunto coa creación ou mantemento de oficinas de igualdade, e centros e unidades específicas que traballen nesta materia, a Xunta de Galicia pretende fomentar a realización de cursos de posgrao, conferencias, xornadas e actividades sobre cuestións de xénero, ou que integren unha perspectiva de xénero e incentivar o desenvolvemento e difusión de estudos e investigacións sobre a materia.

Os proxectos de investigación e os cursos, conferencias, xornadas e actividades subvencionadas, deberán enmarcarse dentro das seguintes áreas ou temas prioritarios:

  • Políticas públicas
  • Igualdade entre homes e mulleres na vida económica
  • Participación na toma de decisións
  • Promoción da calidade de vida das mulleres
  • Fomento da igualdade civil
  • Transmisión de valores e actitudes igualitarias
  • Conciliación da vida social, persoal e laboral das mulleres
  • Cooperación
  • Violencia de xénero e prostitución
  • Colectivos de mulleres en risco de exclusión social
  • A igualdade na aplicación da lei
  • Situación (pasado, presente e futuro) das mulleres en Galicia
Colectivo: