A Xunta destina 670.000 euros a axudas para fomentar o emprendemento feminino

Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas formadas por mulleres emprendedoras, con domicilio social e establecemento de produción en Galicia

As axudas destínanse a catro liñas: Emprende, Innova, Activa e Concilia, cuxas solicitudes deberán presentarse antes do vindeiro 22 de xullo de 2013

Santiago, 21 de xuño de 2013. A edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria 2013 de axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino. O Executivo galego destinará para tal fin 669.740 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo de Galicia 2007-2013.

A través destas axudas a Secretaría Xeral da Igualdade pretende incentivar ás mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral. Deste xeito, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas formadas por mulleres emprendedoras, con domicilio social e establecemento de produción en Galicia.

Esta convocatoria de axudas destínanse a catro liñas: Emprende, Innova, Activa e Concilia. A primeira delas, consiste nun programa de axudas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego indefinido para mulleres por conta propia e allea. A liña Innova está destinada a promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.

Pola súa banda, a liña Activa é para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.

A cuarta e última liña, a Concilia, consiste nun programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das anteriores liñas nas cales existan promotoras con fillas/os menores de tres anos. Esta liña busca favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, antes do vindeiro 22 de xullo de 2013. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel. Os interesados presentarán a solicitude segundo o modelo normalizado e cos documentos que se especifican na convocatoria do DOG.