A Xunta destina 180.000 euros para axudas a asociacións e federacións de mulleres

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta convocatoria de axudas, que financia gastos correntes e de mantemento das entidades, así como actividades de sensibilización e concienciación

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas, por importe de 180.000 euros, destinadas a fomentar o asociacionismo e participación de mulleres.

As axudas están dirixidas a asociacións e federacións de mulleres sen ánimo de lucro, sempre que cumpran os seguintes requisitos: ter domicilio social en Galicia; estar legalmente constituídas; estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS); ter entre os seus fins e obxectivos promover a igualdade entre homes e mulleres e potenciar a participación feminina; e que as mulleres socias representen, polo menos, o 90% do total de asociadas.

Están distribuídas en dúas liñas: a primeira, de consolidación do movemento asociativo, e que financia gastos correntes e de mantemento da entidade; e a segunda, de promoción de actuacións e actividades de sensibilización e concienciación en materia de igualdade. En canto ás accións obxecto de subvención, a través da primeira liña poderanse financiar os gastos correntes de mantemento e funcionamento ordinario das entidades xerados entre o 1 de novembro de 2016 e o 30 de setembro de 2017.

Pola súa banda, a segunda liña, apoiará actividades formativas e de divulgación relacionadas coa sensibilización e concienciación, empoderamento e participación activa, e de adquisición de competencias e habilidades básicas para promover unha maior autonomía das mulleres.

Tema: