A Xunta destina 18.000 euros a apoiar a actividade de doce asociacións de mulleres da provincia de Lugo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego vén de convocar outro programa de axudas para entidades sen ánimo de lucro que traballen no eido da igualdade

Lugo, 28 de setembro de 2018.-   A Secretaría Xeral da Igualdade destinou 18.200 euros a apoiar a actividade de doce asociacións de mulleres da provincia de Lugo no marco dun programa para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres.
 
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu conta desta resolución ao tempo que anunciou a apertura dunha nova convocatoria de axudas destinadas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.
 
Polo que respecta á liña de subvencións recentemente resolta, Balseiro explicou que as entidades beneficiarias foron a Asociación de Mulleres Rurais Agarimo, Afammer, Amuraxe, Asociación de Mulleres Rurais Ledicia, Asociación de Viúvas Carmiña Prieto Rouco, Asociación de Viúvas Julia Minguillón, Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomé de Insua, Asociación Corazóns Artesáns, Mulleres en Igualdade de Burela, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a Asociación de Amas de Casa de Ribadeo e a Asociación E-Deidades.
 
As achegas están orientadas a consolidar o movemento asociativo e promover actuacións e actividades en materia de igualdade. Os beneficiarios poden compensar gastos correntes para o seu mantemento e funcionamento así como levar a cabo a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade.
 

Nova convocatoria

En canto á nova convocatoria, conta cun orzamento de preto de 418.000 euros e sufragará programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero.

 
As axudas están destinadas a entidades sen ánimo de lucro e o prazo para solicitalas estará aberto ata o vindeiro día 24 de outubro. As bases poden consultarse no DOG do pasado luns.
 
Tema: