A Xunta destaca a súa “estreita colaboración” coas entidades que axudan ás vítimas de trata de persoas e explotación sexual

A subdirectora xeral para o tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste, participou hoxe na inauguración da V Xornada da Rede Galega contra a Trata

Enxalzou o labor “diario e incansable” das asociacións, que entre os anos 2010 e 2015 atenderon a máis de 27.000 persoas

O Goberno galego modificou recentemente a súa Lei para o tratamento integral da violencia de xénero, para incluír ás vítimas de trata entre as beneficiarias de axudas

Multimedia

A Xunta destaca a súa “estreita colaboración” coas entidades que axudan ás vítimas de trata de persoas e explotación sexual

Ourense, 22 de setembro de 2016.- A subdirectora xeral para o tratamento da Violencia de Xénero da Xunta, Belén Liste, participou na inauguración da V Xornada da Rede Galega contra a Trata, onde destacou a “estreita colaboración” do seu departamento coas entidades que se dedican a loitar contra esta lacra e axudar ás vítimas de explotación sexual.

Na súa intervención, Liste enxalzou o labor “diario e incansable” das asociacións, que entre os anos 2010 e 2015 atenderon a máis de 27.000 persoas a través de programas de atención ás vítimas, que se centran en traballos de asesoramento, acompañamento, apoio e información sobre recursos.

Ademais, incidiu en que se trata de un problema global e de gran magnitude e lembrou que en xullo deste ano modificouse a Lei galega para o tratamento integral da violencia de xénero incluíndo as vítimas desta forma de violencia como beneficiarias das axudas periódicas que ofrece a Xunta ás mulleres que sofren malos tratos.

A xornada desenvolvérase no Auditorio Municipal de Ourense baixo o título de “Trata de persoas e medios de comunicación”, en horario de mañá e tarde. O obxectivo deste encontro é visibilizar o papel informativo e educativo que os medios de comunicación realizan en relación a trata de persoas; así como crear un debate e propostas de mellora no tratamento das noticias relacionadas con este asunto.

Tema: