O vicepresidente da Xunta visitou hoxe o CIM da Mancomunidade de Ordes, o que maior investimento recibiu das axudas autonómicas este ano
O centro dá servizo aos concellos de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo
Ordes, 28 de outubro de 2013. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, que foi o que maior montante recibiu das axudas da Xunta neste eido e que presta servizo, ademais de a Ordes, aos concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo.
Rueda recordou que o Goberno galego está a primar nas súas axudas e subvencións dirixidas a entidades locais aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como sucede no caso da Mancomunidade de Ordes, que recibiu case 75.000 euros este ano para o funcionamento do seu CIM.
O vicepresidente da Xunta -que estivo acompañado na súa visita pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polos alcaldes da mancomunidade- incidiu en que o Executivo autonómico está facendo unha clara aposta pola suma de esforzos e a prestación conxunta de servizos municipais, que se reflicte nas axudas en materia de igualdade.
Neste sentido, citou á mancomunidade de Ordes como un exemplo de cooperación en materia de igualdade, o que se traduce nunha xestión máis eficaz dos recursos e nun maior beneficio para os cidadáns.
O Goberno galego destina este ano case 3,3 millóns de euros a subvencionar o funcionamento dos CIM espallados por todo o territorio galego. Non obstante, a diferenza doutros anos, as propostas conxuntas permiten este ano atender máis concellos e, polo tanto, máis territorio e máis cidadáns. De feito, nesta convocatoria beneficiaranse máis de 200 concellos fronte aos 120 do ano pasado.
O CIM de Ordes conta cun servizo de teletradución e catro traballadores (directora, psicóloga, asesor xurídico e axente de igualdade) que o ano pasado atenderon máis de un milleiro de persoas.