A Xunta destaca o papel das mulleres na historia da música e a súa loita por acadar a igualdade profesional

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na mesa redonda “O papel da muller nas bandas de Música” con motivo do V Outono Musical organizado pola Banda de Música de Chantada

Chantada (Lugo), 5 de outubro de 2019.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o legado das mulleres na música ao longo da historia durante a súa participación na mesa redonda “O papel da muller nas bandas de música” incluída na programación do V Outono Musical organizado pola Banda de Música de Chantada

Susana López Abella resaltou o importante papel das mulleres tanto no terreo musical como na loita pola igualdade profesional. Nesta liña, lembrou as dificultades ás que se enfrontaron en distintas épocas as intérpretes, directoras de orquestra ou compositoras ao ter que romper fendas marcadas polas diferenzas de xénero.
Por iso, avoga pola difusión da figura da muller mediante a programación sistemática de concertos con obras de compositoras históricas e contemporáneas para dar a coñecer ás novas xeracións o traballo das grandes compositoras esquecidas que en moitas ocasións escribiron obras anónimas ou baixo pseudónimos masculinos e tamén as que compoñen na actualidade.
López Abella instou tamén a inculcar nas escolas que a historia da arte e en especial da música tamén a escribiron as mulleres para que se vexa que a presenza feminina destaca en todos os momentos da historia.