A Xunta destaca o papel da universidade na sensibilización e formación da mocidade contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá a II Xornada de Prevención e Sensibilización sobre Violencia Sexual na Mocidade

Multimedia

A Xunta destaca o papel da universidade na sensibilización e formación da mocidade contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 13 de marzo.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na II Xornada de Prevención e Sensibilización sobre violencia sexual na mocidade, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, onde agradeceu a colaboración das tres universidades galegas para a realización do mencionado encontro e que contou coa participación de profesionais destas tres institucións.

Segundo relatou a secretaria xeral, esta xornada enmárcase dentro das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. A norma implica ás Universidades na realización de estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario. Ademais, a lexislación premia a realización de campañas de prevención nos propios Campus, como esta xornada.

López Abella incidiu en que a violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual son formas de violencia de xénero. A Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, no seu artigo 3 as tipifica como tales. As violacións en España necesitan a denuncia da persoa agredida pero, tal e como indicou López Abella, en moitas ocasións é un paso difícil de dar. A secretaria xeral cerrou a inauguración da xornada mostrándose firme contra todas as formas de violencia contra a muller.

Tema: