A Xunta destaca o labor da asociación Educando en familia que promove en Lugo a igualdade de oportunidades das mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza con representantes desta entidade sen ánimo de lucro

Abordaron futuras liñas de colaboración para favorecer a integración social e laboral das mulleres, en especial das xestantes ou lactantes con fillos menores de tres anos que se atopan nunha situación de vulnerabilidade

  • A Xunta destaca o labor da asociación Educando en familia que promove en Lugo a igualdade de oportunidades das mulleres
  • A Xunta destaca o labor da asociación Educando en familia que promove en Lugo a igualdade de oportunidades das mulleres

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza con representantes da asociación Educando en familia, que leva a cabo desde hai máis de 30 anos un labor de apoio e acompañamento socio-educativo ás mulleres de diversos concellos da provincia de Lugo, máis a prisión de Teixeiro (A Coruña), con especial atención a aquelas mulleres xestantes, lactantes con fillos menores de tres anos, que se atopan en situación de especial vulnerabilidade.

Na reunión abordouse a actividade levada a cabo polo colectivo ao longo de 2020, ao tempo que trataron futuras liñas de colaboración entre a Xunta e a asociación co obxectivo de seguir acompañando ás mulleres que se atopen nunha situación especial de vulnerabilidade.

López Abella puxo en valor o traballo da asociación, un equipo formado por mestras-orientadoras que ofrecen apoio social e psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas por dita situación, ao tempo que promoven o desenvolvemento persoal e familiar das mulleres, así como a súa autonomía económica e afectiva, favorecendo a adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, dado que é común a todas elas a residencia en concellos rurais de zonas poboadas de baixa intensidade e a situación de desemprego.

A Xunta apoia o traballo desta entidade sen ánimo de lucro co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades entre as mulleres, proporcionándolles as ferramentas necesarias que favorezan a súa plena integración social e laboral.


Tema: