A Xunta destaca a necesidade de impulsar a perspectiva de xénero na formación, docencia e investigación universitaria

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da I Xornada Universitaria Galega en Xénero

Explicou que a Xunta está a traballar nesa liña con actuacións específicas que aparecen recollidas no seu VI Plan de Igualdade

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da I Xornada Universitaria Galega en Xénero
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da I Xornada Universitaria Galega en Xénero
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da I Xornada Universitaria Galega en Xénero

Santiago, 20 de xuño de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da I Xornada Universitaria Galega en Xénero, na que destacou a necesidade de impulsar a perspectiva de xénero e das mulleres na formación, docencia e investigación universitaria; un aspecto no que o Goberno galego traballa dentro do seu VI Plan de Igualdade.

Concretamente, dentro do Plan aparecen recollidas medidas específicas nesta liña, como poden ser o apoio ao desenvolvemento de másteres específicos e proxectos de investigación que teñan en conta a perspectiva de xénero; formación en coeducación dirixida ao persoal docente universitario; ou a realización das accións necesarias para aumentar o número de mulleres dedicadas á investigación, ao desenvolvemento e á innovación.

Así mesmo, tamén se recolle a necesaria coordinación das oficinas de igualdade das universidades galegas en prol dun mellor aproveitamento dos recursos cara ao cumprimento do principio de igualdade entre mulleres e homes no seo do Sistema Universitario de Galicia. Neste sentido, a xornada inaugurada hoxe é a primeira que organizan de maneira conxunta as tres universidades galegas, a través das súas oficinas e unidades de Igualdade.

Na súa intervención, López Abella -que estivo acompañada do reitor da USC, Juan Casares Long- referiuse tamén ao ámbito do emprego, onde recoñeceu que malia os importantes avances acadados, aínda quedan importantes retos nos que seguir traballando e mellorando día a día, xa que as mulleres supoñen a metade do capital humano “e ningún país pode desbotar esa fonte de coñecemento e produtividade”.

Por iso, explicou que paralelamente ás medidas de fomento de emprego, é necesario seguir afondando en materia de conciliación e de corresponsabilidade; e manifestou o apoio decidido do Goberno galego e concretamente do departamento que dirixe para continuar traballando por asuntos clave como son o acceso das mulleres ao mercado laboral, a presenza de mulleres nos ámbitos de toma de decisións e á loita contra a violencia de xénero.