A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades 2013-2015 do Concello de Curtis
Curtis, 31 de xaneiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á presentación do III Plan de Igualdade de Oportunidades 2013-2015 do Concello de Curtis, onde destacou o importante papel dos concellos na difusión do valor da igualdade e no establecemento de medidas neste sentido, adaptadas á realidade municipal.
López Abella agradeceu ao alcalde da localidade, Javier Caínzos, o traballo e o compromiso do concello, “especialmente sensible” no cometido de acadar a igualdade real efectiva, e destacou a implicación dos veciños e veciñas de Curtis na elaboración do Plan.
Neste sentido, explicou que a veciñanza participou a través da realización de cen entrevistas e que tamén se contou coa colaboración de asociacións e profesionais de distintos sectores. Concretamente, a Asociación de Mulleres Rurais ‘A Carballeira’, a Asociación Cultural ‘Faragullas’, a Comandancia da Garda Civil, o Instituto, o Centro de Saúde e o CIM.
Por iso quixo pór en valor o papel relevante dos concellos na difusión da igualdade e a importancia de que este traballo se coordine co da Administración autonómica en aras dunha maior eficacia do esforzo público.
“Consideramos que os concellos son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administración máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas”, asegurou a secretaria xeral.