A Xunta destaca a importancia de potenciar o uso das novas tecnoloxías entre as mulleres

Susana López Abella participou na inauguración dunhas xornadas organizadas pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña

  • Susana López Abella participou na inauguración dunhas xornadas organizadas pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña
  • Susana López Abella participou na inauguración dunhas xornadas organizadas pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña
  • Susana López Abella participou na inauguración dunhas xornadas organizadas pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña

Santiago, 1 de outubro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia de potenciar o uso das novas tecnoloxías entre a poboación feminina e diminuír a fenda dixital existente en relación cos homes.

Susana López Abella participou hoxe na inauguración dunhas xornadas organizadas pola Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña e que levan por título “A innovación tecnolóxica baixo o filtro do xénero”.

Segundo destacou a secretaria xeral na súa intervención, as novas tecnoloxías constitúen un sector sobresaínte tanto en investigación como en empregabilidade, polo que se trata dun nicho de emprego estratéxico do que non poden quedar á marxe as mulleres.

O Goberno galego considera fundamental promover a plena participación das mulleres en condicións de igualdade cos homes en todas as esferas e estruturas da sociedade, así como o equilibrio entre sexos en materia de representación e influencia en todos os niveis dos procesos de toma de decisións, favorecendo o intercambio de experiencias, a colaboración mutua e o uso das novas tecnoloxías.

Para isto, é necesario estimular un crecemento máis rápido no coñecemento e uso das novas tecnoloxías por parte das mulleres, polo que o primeiro chanzo pasa por divulgar os beneficios e as potencialidades das novas tecnoloxías e Internet entre a poboación feminina, co obxecto de estimular o seu interese. 

Polo tanto, a Xunta ten como obxectivo estratéxico, a través do VI Plan Galego para a igualdade, “potenciar unha participación máis ampla e diversa das mulleres no desenvolvemento económico e social de Galicia, aproveitando o talento, a experiencia e a visión deste valioso capital humano para aumentar as bases dun tecido produtivo máis innovador e competitivo e cada vez máis internacionalizado; fomentando ao mesmo tempo unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero.”

Para optimizar os recursos e poñer en valor todas as potencialidades das mulleres no ámbito do emprego é preciso entender a adquisición de competencias e habilidades como un proceso continuo e dinámico ao longo da vida laboral.