A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada Muller e traballo autónomo cara á igualdade, organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia)
A iniciativa inclúe a posta en marcha de oito programas, cinco de nova creación, para incrementar as oportunidades laborais entre as mulleres
Toca sinala a aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade real no fogar, un eido ao que a Consellería destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021
Lembra que o Goberno galego traballa nun nova certificación para distinguir ás empresas galegas comprometidas coa igualdade e que a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas empresas
Toca sinalou que as mulleres son un colectivo prioritario para o Goberno galego polo que, ademais, teñen acceso preferente e “un apoio máis intenso” en numerosas convocatorias de renovación anual. A directora xeral puxo ademais en valor os apoios da Consellería de Emprego e Igualdade para a conciliación que este ano acadan máis de 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021, co fin de minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral.
Referiuse, así mesmo, a que a igualdade é unha prioridade transversal para a Xunta, polo que explicou que están en marcha medidas dirixidas a ofrecer formación en igualdade de oportunidades no ámbito da formación para o emprego. A Administración autonómica conta cun campus virtual de formación en igualdade laboral situando a Galicia como a primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual.
Toca, por último, salientou que unha nova certificación, na que traballa o Goberno da Xunta, distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade e que fomenten o benestar laboral entre as persoas traballadoras e lembrou que a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino.