A Xunta destaca en Lugo o talento das mulleres e a súa capacidade para innovar, emprender e abrirse camiño ante as dificultades

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega dos premios Son Muller 2020, unha iniciativa da Asociación de Empresarias de Lugo coa que se recoñece o papel relevante das mulleres emprendedoras

Sinala que o crecemento intelixente e sustentable precisa do potencial das mulleres e afirma que o Goberno galego traballa para construír unha Galicia en igualdade de oportunidades impulsando a creación de postos de traballo femininos

  • A Xunta destaca en Lugo o talento das mulleres e a súa capacidade para innovar, emprender e abrirse camiño ante as dificultades
  • A Xunta destaca en Lugo o talento das mulleres e a súa capacidade para innovar, emprender e abrirse camiño ante as dificultades
  • A Xunta destaca en Lugo o talento das mulleres e a súa capacidade para innovar, emprender e abrirse camiño ante as dificultades

Lugo, 29 de decembro de 2020.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Lugo, na entrega dos premios Son Muller 2020, o talento das mulleres e a súa capacidade para innovar, emprender e abrise camiño ante as dificultades. López Abella puxo en valor a iniciativa da Asociación de Empresarias de Lugo, uns galardóns cos que se recoñece o papel relevante das mulleres empresarias e emprendedoras.

A secretaria xeral da Igualdade afirmou que o crecemento intelixente e sustentable precisa do potencial das mulleres e, neste senso, reafirmouse no compromiso da Xunta por seguir construíndo unha Galicia en igualdade de oportunidades impulsando, para iso, a creación de postos de traballo femininos e favorecendo o emprendemento feminino. “A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas e o motor do cambio e o progreso”, subliñou.

En palabras de López Abella, as emprendedoras son exemplo de innovación e creatividade e, por iso, animou a seguir aproveitando a potencialidade das mulleres galegas e, deste xeito, continuar creando novas oportunidades de negocio no terreo da innovación, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural, entre outros.