A Xunta desenvolve un proxecto pioneiro de reeducación para menores sometidos a medidas xudiciais por violencia de xénero

O Proxecto Fénix busca eliminar as condutas de violencia dos mozos cara ás parellas ou ex parellas e diminuír as súas probabilidades de reincidencia

Enmárcase no conxunto de actuacións que a Xunta desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora coa Fiscalía, as delegacións territoriais da Xunta, os centros e os equipos técnicos de menores

Multimedia

A Xunta desenvolve un proxecto pioneiro de reeducación para menores sometidos a medidas xudiciais por violencia de xénero

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020.-

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, desenvolve en Galicia un programa pioneiro -Proxecto Fénix- que promove a intervención integral con menores sometidos a medidas xudiciais por exercer violencia de xénero, cara a súa reeducación e prevención de futuras condutas violentas. O programa, coordinado pola Asociación para Proxectos Globais de Inserción e Integración Socio Laborais (Alar Galicia), forma parte do conxunto de medidas que a Xunta está a desenvolver no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A secretaria xeral da igualdade, Susana López Abella, vén de reunirse co director de Alar Galicia, Fernando González Truque, para facer o seguimento dos traballos que se están a desenvolver este 2020 con menores. Tras unha primeira fase de difusión do proxecto e elaboración de materiais cos axentes que traballan en contacto cos beneficiarios, xa se impartiron obradoiros de prevención a unha vintena de rapaces do centro de menores de Santo Anxo de Rábade en Lugo.

Este proxecto pioneiro está baseado na prevención de violencia machista e na intervención integral con menores. Busca eliminar condutas de violencia cara ás parellas ou ex parellas entre os mozos e diminuír as probabilidades de reincidencia. Unha parte do traballo céntrase ademais na modificación de condutas sexistas e en facer un acompañamento aos beneficiarios para que avancen cara a pautas de comportamento que respecten o principio de igualdade.

No marco de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, Alar Galicia xa está a traballar con menores que teñen exercido violencia de xénero, así como con aqueles que manifestan condutas machistas no seu entorno máis próximo.

Rede de traballo en todo o territorio

Os menores incorporados ao Proxecto Fénix son derivados a través da Fiscalía de Menores, establecendo unha rede de traballo coa Secretaría Xeral da Igualdade, as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e os equipos técnicos do menor das diferentes provincias, os centros de menores e Centros de Intervención en Medio Aberto (CIEMA), os centros educativos así como os servizos sociais municipais.

A idea é levar a cabo o proxecto en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas das fiscalías e xuíces preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e nos CIEMA que traballan na atención integral aos menores infractores, en especial, aos adolescentes en situación de conflito social.

A Xunta tamén colabora, no marco deste programa, cos centros educativos para por en marcha medidas de prevención na violencia de xénero entre os máis novos.

O Proxecto Fénix de medidas de intervención integral con menores agresores de violencia de xénero enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, do que Galicia xa desenvolveu o 56% das medidas previstas. A iniciativa ofrece a atención aos menores de xeito gratuíto e está financiada pola Xunta con 25.000 euros procedentes dos fondos que corresponden á Comunidade no dito pacto.