A Xunta desenvolve un programa sobre igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros sociocomunitarios da provincia de Ourense

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou na xornada ‘Igual-a-nos’ celebrada no centro Ourense-Centro e fixo un chamamento ás mulleres maiores para implicalas na loita contra a violencia de xénero

Estas actividades, organizadas pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración da Consellería de Política Social, prolongaranse durante todo o mes de decembro e rematarán o día 28 no Carballiño

Multimedia

A Xunta desenvolve un programa sobre igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros sociocomunitarios da provincia de Ourense

Ourense, 3 de decembro de 2018.-A Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Consellería de Política Social, vai desenvolver ao longo deste mes de decembro un programa de dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros sociocomunitarios da provincia de Ourense. Os centros de Verín e o de Ourense-Centro acolleron hoxe as primeiras dúas sesións e será o día 28 de decembro cando conclúa o programa, no centro sociocomunitario do Carballiño.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad, e da xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, participou na apertura da xornada que se desenvolveu no centro Ourense-centro, impulsada polo Goberno galego para previr e sensibilizar ás mulleres maiores sobre a violencia de xénero. A actividade ten unha duración total de 3 horas e divídese en dúas partes: unha representación escénica e unha mesa redonda con coloquio para afondar e debater os conceptos e aspectos abordados na representación.

Díaz Mouteira explicou que baixo o título ‘Igual-a-nos’ desenvólvese este programa que chegará a 29 centros sociocomunitarios de toda Galicia e que naceu co múltiple obxectivo de promover e sensibilizar na educación en igualdade, a corresponsabilidade, a coeducación e a prevención da violencia de xénero; concienciar para a ruptura dos estereotipos de xénero existentes; e, por último, fomentar a participación social e o encontro entre mulleres como ferramenta de autoestima persoal e grupal.

En opinión da delegada territorial, dirixir este tipo de charlas aos nosos maiores é fundamental para axudar a erradicar neste colectivo as tradicións sexistas, que moitas veces dificultan a visibilización das situacións de maltrato.

A representante da Xunta puxo en valor a importancia da realización deste tipo de actividades non soamente para sensibilizar sobre a importancia da loita contra a violencia de xénero, senón tamén por tratarse de espazos para a integración e a convivencia. Nesta liña, referiuse a ampla oferta de actividades que se desenvolven nos mesmos relacionadas coa promoción da saúde, o desenvolvemento de capacidades persoais, a aprendizaxe de novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación, ou o fomento do voluntariado.

Marisol Díaz subliñou que o compromiso contra a violencia de xénero debe estenderse aos 365 días do ano e a todos os ámbitos da sociedade. Neste sentido, fixo un chamamento á cidadanía para que denuncie estes casos e así poder seguir avanzando nunha loita que é responsabilidade do conxunto da sociedade.

Ademais desta iniciativa, a Xunta ao longo de todo o ano ten posto en marcha un gran abano de programas e proxectos para loitar contra a violencia de xénero, unha prioridade para o Goberno galego.

Tema: