Consiste na organización de obradoiros teatrais nos que se sensibilizará sobre os valores da corresponsabilidade e a educación libre de estereotipos
A iniciativa enmárcase no Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 e desenvólvese a través do proxecto transnacional 'Eles tamén'
A partires de setembro celebraranse obradoiros en Verín (Ourense), Vila de Cruces (Pontevedra) e Quiroga (Lugo)
Santiago, 13 de agosto de 2013.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, está a impulsar un programa pioneiro para que as persoas maiores sexan transmisoras dos valores da igualdade entre os seus netos e netas menores.
Esta iniciativa enmárcase no Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 e desenvólvese a través do proxecto transnacional 'Eles tamén', impulsado por Galicia, en colaboración con Castela León e Portugal.
O programa consiste na organización de obradoiros teatrais nas catro provincias galegas, nos que se reflexiona sobre cuestións como a socialización diferencial por xénero; as desigualdades no reparto das tarefas domésticas ou a segregación do mercado laboral por sexos.
O obxectivo é utilizar o teatro como medio de intervención; transformación da realidade e conciencia social para a ruptura dos estereotipos de xénero, a partires da reflexión individual das persoas maiores que exercen labores de coidado e atención de menores.
Neste sentido, a Secretaría Xeral da Igualdade programou catro obradoiros, un por provincia, coa colaboración das entidades locais participantes. Tras o bo resultado do primeiro obradoiro en Padrón (A Coruña), o pasado mes de decembro; a partires de setembro celebraranse os de Verín (Ourense); Vila de Cruces (Pontevedra) e Quiroga (Lugo).
A duración de cada obradoiro é de arredor de 45 horas distribuídas en 15 sesións e nel abordaranse contidos como a corresponsabilidade; a educación non sexista; o uso de tempos e espazos; os estereotipos de xénero ou a distribución sexual dos traballos. Os participantes son homes e mulleres de idades comprendidas entre os 45 e 75 anos.
A obra de teatro 'Avós, nunca é tarde', representarase ante o público de cada un dos concellos participantes o vindeiro mes de decembro. Trata da loita da filla dunha familia moi tradicional por conseguir que a vida no seu fogar sexa máis xusta e igualitaria.