A Xunta cualifica a coordinación entre os axentes implicados no proceso de violencia de xénero de positiva, leal e eficaz

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presidiu hoxe a reunión de Coordinación en Materia de Violencia de Xénero, para analizar a situación en Galicia, na que estiveron presentes o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o director xeral de Emerxencias e Interior, Juan Jose Villanueva; o comisario José Antonio Alvarez Villar, xefe da Unidade Adscrita da Policía Autonómica; o xeneral Ferreiro Losada, xeneral xefe da Garda Civil en Galicia; o xefe superior de Policía en Galicia, Luis Manuel García Mañá; e Laura Rodríguez Manso, xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller.

Na reunión a secretaria xeral da Igualdade presentou o informe anual 2009 de seguimento da lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, e analizándose ademáis o estudio preliminar da situación actual na actuación policial contra a violencia de xénero, elaborado pola Sección de Operacións da Dirección Adxunta Operativa de Galicia (Dirección Xeneral da Policía de da Guarda Civil).

Na rolda de prensa posterior ao encontro, a secretaria xeral da Igualdade, explicou que o obxectivo da reunión foi avaliar entre todas as administracións implicadas no tratamento da violencia de xénero na comunidade autónoma "o noso grao de coordinación e colaboración e ver as posibilidades de mellorala".

Marta González sinalou que "a xuntanza foi enormemente frutífera e produtiva" xa que se falou con detalle dos temas nos que "podemos mellorar a nosa colaboración que é enormemente leal e eficaz, no que se refire a todas as administracións implicadas".

A secretaria xeral da Igualdade indicou que dos resultados desta reunión "verase reforzado todo o que se refire a unha mellor prevención do fenómeno da violencia de xénero e particularmente unha mellor atención as mulleres vítimas, que é o fundamental".

Desta reunión resultou o compromiso, de todos os actores implicados, de mellorar a coordinación para o ingreso das mulleres na rede de centros de atención, centralizado no teléfono 900 400 273, o teléfono da muller; de favorecer a creación comarcal de mesas de coordinación de violencia de xénero, a través da formación do persoal dos centros de información ás mulleres nos setenta e sete concellos onde están establecidos, e de elaborar protocolos de coordinación para o tratamento da violencia de xénero a nivel comarcal.

Así mesmo, tanto a Xunta como o Goberno estatal valorarán a realización dun estudo innovador que permita ter un perfil psicolóxico do maltratador que favoreza a prevención e que proporcione unha radiografía de situación da violencia de xénero en Galicia.

Pola súa banda, o Fiscal Superior de Galicia considerou "interesante que todos os actores que interveñen no proceso da violencia de xénero falen para definir estratexias eficaces de combate contra a violencia"; entre elas destacou a elaboración dese estudo que permita coñecer en profundidade a realidade da violencia de xénero en Galicia para poder actuar mellor en materia de prevención.

O informe presentado pola responsable de igualdade do goberno galego sinala que Galicia rexistrou ao remate do 2009 tres mortes por violencia de xénero, catro menos que en todo o exercicio 2008, cifra que representa o 7,14% dos casos rexistrados no conxunto de España  ao remate do ano 2009, que foron 56.

Esta redución do número de falecementos por violencia de xénero deuse tamén en España, onde se pasou das 76 mortes do 2008 ás 56 deste ano 2009. Galicia pasou de ocupar un cuarto lugar na listaxe de comunidades autónomas con maior número de casos de mortes por violencia de xénero no territorio español, a un sexto posto  no 2009, amplamente superada por Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana; en menor medida, superada tamén por Canarias e Madrid.