A Xunta convoca as axudas a homes que reducen a súa xornada laboral para o coidado de fillos menores de tres anos

Tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller

A medida pretende fomentar a corresponsabilidade e impulsar o cambio dos roles, implicando aos varóns na atención e o coidado dos seus fillos e fillas

O prazo de presentación de solicitudes é do 16 de xaneiro ao 20 de febreiro e a concesión das axudas será por orde de entrada

Desde que se puxo en marcha esta liña de axudas, en 2007, a Secretaría Xeral da Igualdade xa beneficiou a 1.349 homes e 445 nais de familias monoparentais

Santiago, 15 de xaneiro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se convocan axudas aos traballadores que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos ou fillas menores de tres anos.

Esta liña de axudas ten coma obxectivo apoiar a asunción de responsabilidade familiares por parte dos varóns e contribuír á desaparición dos estereotipos sobre a diferente disposición de homes e mulleres a asumir o coidado dos fillos e fillas menores. As solicitudes poderanse presentar por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es, e a súa concesión será por orde de entrada.O prazo de presentación comeza o 16 de xaneiro e finaliza o 20 de febreiro de 2015.

Neste contexto, as axudas de Igualdade supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral a estes efectos, considerando que esta medida favorece tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares. Ademais dos varóns, as axudas tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller.

Poden solicitar as axudas as persoas que se atopasen en situación de redución da xornada entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, polo coidado de fillos ou fillas biolóxicas ou ben adoptadas ou en situación de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo. O orzamento destas axudas ascende a 440.000 euros, e a contía que poden percibir as persoas beneficiarias vai dos 1.600 aos 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao seu cargo.

Impulsar o cambio de roles
O obxectivo destas subvencións de Igualdade é fomentar a corresponsabilidade e impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando a estes últimos na atención e o coidado dos seus fillos e fillas.Neste contexto, as axudas supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada a estes efectos, ao tempo que favorecen tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares.

Desde o ano 2007, cando a Secretaría Xeral da Igualdade iniciou esta liña de axudas, xa se teñen beneficiado delas 1.349 homes e 445 mulleres, nais de familias monoparentais.