A Xunta consulta ás vítimas da violencia de xénero para poder mellorar as súas actuacións e os servizos que lles prestan

López Abella presidiu hoxe a xuntanza de peche do grupo de traballo “A voz das vítimas”, constituído no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero

Presentouse un informe coas necesidades, demandas e recomendacións que achegaron 18 mulleres que pasaron polo CRI en Santiago de Compostela

O documento servirá para enriquecer o Protocolo de Coordinación e Cooperación institucional fronte á violencia de xénero no que tamén traballa a Xunta

  • López Abella presidiu hoxe a xuntanza de peche do grupo de traballo “A voz das vítimas”
  • López Abella presidiu hoxe a xuntanza de peche do grupo de traballo “A voz das vítimas”

Santiago, 14 de xullo de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe a xuntanza de peche do grupo de traballo “A voz das vítimas”, constituído no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para escoitar as experiencias directas de mulleres maltratadas e extraer directrices de mellora nas actuacións.

Así, na reunión presentouse o Informe de conclusións que se elaborou tras a xuntanza mantida no CRI con 18 mulleres que sufriron violencia de xénero e no que se achega información concreta sobre necesidades, obstáculos, demandas e recomendacións a ter en conta para mellorar os servizos que se lles brindan. Dúas delas interviron esta mesma mañá, relatando a súa experiencia sobre o proceso que afrontaron para poder saír desa situación.

O documento estruturase en catro áreas, seguindo o percorrido “habitual” dos servizos que utilizan maioritariamente as mulleres que viven situacións de violencia machista: área sanitaria, servizos sociais, forzas e corpos de seguridade e área xurídica.

Entre as principais demandas rexistradas, destacan asuntos como a mellora das campañas de sensibilización, prevención e detección da violencia de xénero –que se piden que sexan máis directas e realistas-, facilitar o procedemento de denuncia, valorar a posibilidade de que haxa psicólogo/as de apoio nos xulgados ou a implantación de sistemas de información compartidos entre os servizos sociais e as Forzas e Corpos de seguridade, por citar algúns exemplos.

As conclusións do informe desta mañá servirán como base na elaboración dun documento de recomendacións que poderá enriquecer o Protocolo no que traballo o primeiro grupo de traballo do Observatorio e que estará destinado á coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero a nivel autonómico.

Observatorio Galego da Violencia de Xénero

O Observatorio Galego da Violencia de Xénero é un órgano previsto na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que se encarga do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra esta lacra que se desenvolvan en Galicia.

Este órgano, constuido en maio do ano pasado, traballa contra a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, que engloba todos os ámbitos de actuación. Así, están representados nel as consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, sindicatos e Televisión de Galicia, entre outros entes.


O Observatorio ten tres grupos de traballo. O primeiro está encargado da elaboración dun Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero a nivel autonómico. O segundo, o que se pechou hoxe, encargouse de escoitar as experiencias directas das vítimas para extraer conclusións e directrices de mellora nas actuacións. O último grupo aborda a violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo, determinando estratexias e propostas de traballo preventivo coa xente nova.