A Xunta conmemora o Día Internacional da Muller co espírito de celebrar os pasos dados en materia de igualdade e de reivindicar o que queda por conseguir

Asevera que Galicia debe figurar como un dos epicentros dunha loita pola liberdade e a igualdade que nunca esqueceu a fraternidade. “Nesa loita permanente hai sitio para todas e para todos”, di.

Salienta que o Consello da Xunta vén de aprobar a creación das medallas Emilia Pardo Bazán, co fin de destacar o traballo de persoas, colectivos, entidades ou institucións a prol da igualdade entre homes e mulleres

Resalta que as oito mulleres que hoxe distingue Galicia neste acto na Cidade da Cultura forman parte dunha normalidade derivada do triunfo dos valores da igualdade

  • O presidente participando no acto
  • O presidente participando no acto
  • O presidente participando no acto
  • O presidente participando no acto

Santiago de Compostela, 7 de marzo.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por conmemorar o Día Internacional da Muller co espírito de celebrar os pasos dados en materia de igualdade e de reivindicar o que queda por conseguir. “Celebración e reivindicación deben darse a man no Día da Muller. Celebrar o conseguido e reivindicar o que nos queda por conseguir”, dixo.

Durante o acto Innovación, talento e futuro. Mulleres pedindo paso, con motivo do Día internacional da Muller, Feijóo aseverou que Galicia debe figurar como un dos epicentros dunha loita pola liberdade e a igualdade que nunca esqueceu a fraternidade. “Nesa loita permanente hai sitio para todas e para todos”, abundou.

Se ben nunca poderemos dicir “misión cumprida”, porque xorden e xurdirán novos retos que requiren e requirirán respostas, Feijóo lembrou que hoxe a Comunidade dispón do maior presuposto en igualdade da súa historia; as vítimas da violencia de xénero contan con recursos xurídicos, económicos e psicolóxicos ao seu dispor; a presenza feminina en actividades científicas e postos relevantes é notable; hai máis oportunidades de conciliación que nunca; e os mozos e mozas galegos teñen unha materia sobre educación en igualdade.

Así mesmo, subliñou que o Consello da Xunta vén de aprobar a creación das medallas Emilia Pardo Bazán, coa finalidade de destacar o traballo de persoas, colectivos, entidades ou institucións a prol da igualdade entre homes e mulleres. “Ninguén mellor que a nosa ilustre paisana para dar nome a un premio que quere destacar aos que hoxe continúan unha loita que persoas como ela iniciaron”, sinalou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que non abonda con que unha muller opte por dedicarse a unha profesión tradicionalmente masculina; non abonda con que unha muller se rebele contra un comentario machista; non abonda con que unha vítima da violencia machista denuncie ao seu agresor. “Necesitamos que ningún home vexa á muller como intrusa no seu traballo; que ningún faga o comentario machista; que ningún se degrade sendo maltratador ou como dicía Emilia Pardo Bazán, verdugo”, afirmou, incidindo en que a defensa da igualdade das mulleres non é unha propiedade privada; “pertence a todas as mulleres, e ademais envía unha mensaxe rotunda e fraterna aos homes”.

No acto, o presidente da Xunta resaltou que as oito mulleres que hoxe distingue Galicia forman parte dunha normalidade derivada do triunfo dos valores da igualdade.

“Lucía Freitas cumpriu o soño de abrir o seu restaurante. Antes de A Tafona e Lume, en Compostela, e Tomiño en Nova York, anos de formación e de experiencia no Pais Vasco e Cataluña. Unha estrela Michelin que brilla no firmamento da restauración galega”, dixo, ao que engadiu que, TasteLab reinventa os produtos tradicionais coa axuda da análise de datos sensoriais. “A idea débeselle a Maruxa Quiroga, e mereceu numerosos premios ao longo da súa carreira. A chamada intelixencia emocional da paso a un concepto novo: a nutrición emocional”, precisou.

De Mónica Fernández, resaltou que, no ano 2017, a Academia Internacional de Gastronomía considerou que era a mellor catadora do mundo. Directora de sala e catadora do Grupo Bambú, conta tamén co premio da Excelencia Turística de Madrid, ou co Premio Nacional de Gastronomía Mellor Director de Sala en 2016.

Logo de destacar as traxectorias de Susana Aguiar Carral, que en 2014 crea na comarca do Deza a empresa Kalekoi; e da cantante Lucía Pérez Biscaíño, Feijóo referiuse tamén ao labor de Mónica Álvarez San Primitivo no terreo da discapacidade e nos movementos feministas.

Sobre Susana Rodríguez Gacio salientou que aspira a gañar unha medalla olímpica nos Xogos de Tokio 2020; “será un galardón máis que engadir ao campionato mundial de duatlón, ouro en triatlón e campionato do mundo en paratriatlón”, dixo, recordando que a súa é unha carreira de superación que prosigue iniciando o seu traballo como médica no CHUS. E de Zulema González González, a primeira galega árbitra internacional de fútbol feminino, resaltou que foi ascendendo pouco a pouco ata ser distinguida pola UEFA para realizar a formación de excelencia en arbitraxe.

Tema: