O xurado vén de fallar estes galardóns por terceiro ano consecutivo cos que se recoñece o labor a favor da igualdade para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade
María Jesús Díaz Sánchez, que recibirá a medalla a título póstumo, fundou en 2001 a Asociación Alar Galicia de loita polos dereitos das persoas máis desfavorecidas, e foi a súa presidenta desde entón e ata o seu falecemento en xaneiro de 2009
Zaza Ceballos é produtora, escritora e directora de cine e unha das mulleres pioneiras no sector do audiovisual de Galicia
A Administración autonómica tamén recoñece nesta edición o labor da Asociación MIrabal, que leva máis de 10 anos prestando atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas nos concellos de Curtis, Oza-Cesuras e Pontedeume
As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes. Poden ser destinatarias das medallas persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado que coa súa traxectoria ou labor contribúan no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Cada ano outórganse tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico.
Coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase, polo tanto, un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva. A concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.
Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.