A Xunta concede máis dun 1,1 millón de euros a 47 concellos da provincia de Pontevedra para a promoción da igualdade

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron en rolda de prensa estas axudas e destacaron a aposta da administración autonómica pola prestación conxunta de servizos

O orzamento distribúese en tres liñas de axuda: apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), fomento da conciliación, e prevención e tratamento integral da violencia de xénero

Ante a alta demanda, a Xunta via ampliar en case 255.000 euros o orzamento destinado ás iniciativas para conciliar a vida laboral, persoal e familiar

  • A Xunta concede máis dun 1,1 millón de euros a 47 concellos da provincia de Pontevedra para a promoción da igualdade
  • A Xunta concede máis dun 1,1 millón de euros a 47 concellos da provincia de Pontevedra para a promoción da igualdade

Pontevedra, 2 de xullo de 2018.- Os concellos da provincia de Pontevedra van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de máis de 1,1 millón de euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados desta convocatoria de axudas.

En total serán 47 os concellos os beneficiarios destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos.

Tres programas subvencionables

Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 967.425 euros, que se distribúen en 26 centros: A Lama, Redondela, Vigo, Lalín, A Guarda, Marín, Sanxenxo, Silleda, Poio, Valga, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Baiona, Caldas de Reis, Pontevedra, Nigrán, O Grove, Ponteareas, Cangas, Bueu, A Estrada, O Porriño, Gondomar, Mos e Mancomunidade do Salnés, e beneficia a un total de 39 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 64 persoas que traballan nos centros desta área da provincia en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Por outra banda, destinaranse 78.108 euros ao programa de prevención e tratamento integral de violencia de xénero, que chegará a 12 concellos: Marín, Vigo, Cambados, Tomiño, Cangas, Meaño, A Guarda, Baiona, Cuntis, Ponteareas, Redondela e Cerdedo Cotobade. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con algo máis de 120.259 euros para financiar accións en 11 entidades locais que agrupan a 12 concellos. Ao respecto, a secretaria xeral adiantou que esta liña se vai incrementar dada a elevada demanda rexistrada este ano por parte dos concellos.

Tema: