A Xunta concede máis de 1,25 millóns de euros aos concellos da provincia da Coruña para promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

Un total de 80 municipios da provincia benefícianse destas axudas, o que supón un incremento de 30 concellos respecto ao ano anterior e case 160.000 euros máis

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, presentaron hoxe en rolda de prensa estas subvencións a entidades locais

O Goberno galego defende a prestación conxunta de servizos para gañar en eficiencia para os cidadáns

  • A Xunta concede máis de 1,25 millóns de euros aos concellos da provincia da Coruña para promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero
  • A Xunta concede máis de 1,25 millóns de euros aos concellos da provincia da Coruña para promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

A Coruña, 16 de outubro de 2013. Os concellos da provincia da Coruña van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 1.251.490 euros, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a promoción da igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Estas axudas foron presentadas esta mañá na Coruña pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial, Belén do Campo.

En total, 80 concellos benefícianse desta convocatoria, o que supón 30 municipios máis que en 2012 e un incremento da partida de preto de 160.000 euros. Nos vindeiros días, todos recibirán un pagamento anticipado do 60% do importe das axudas concedidas, unha medida adoptada por Igualdade considerando a delicada situación económica dos concellos.

López Abella destacou que a resolución destas axudas destinadas ás entidades locais -que a nivel autonómico supoñen 3,3 millóns de euros-, reflicte tamén a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios, pois este ano a través da orde tratouse de impulsar e apoiar a prestación conxunta de servizos, coa finalidade de lograr unha xestión eficiente e eficaz dos recursos dispoñibles. Ante esta novidade da convocatoria, producíronse cinco agrupamentos de concellos, ademais dunha mancomunidade:

• Muxía e Dumbría
• Curtis, Sobrado dos Monxes e Vilasantar
• Boqueixón e Touro
• Ortigueira, Cariño e Mañón 
• Coirós, Aranga, Betanzos, Oza-Cesuras e Paderne
• Mancomunidade de Ordes: Ordes, Cerceda, Trazo, Tordoia, Frades, Mesía e Oroso

Tres liñas de axudas
O programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades. Tamén inclúe iniciativas para a prevención e tratamento da violencia de xénero e intervencións de carácter integral coas vítimas. Na provincia da Coruña, este programa recibe un total de 165.546 euros para o desenvolvemento de ata 55 accións.

Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste caso, os municipios da Coruña reciben un total de 140.511 euros para 24 actividades.

Por último, o programa dedicado aos CIM ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico ou sobre recursos específicos, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos, cunha contía de 945.432 euros para a provincia.

Tema: