A Xunta concede 450.000 euros a 9 entidades para realizar proxectos de atención integral a vítimas de explotación sexual e trata

As axudas están dirixidas a subvencionar proxectos coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral

Santiago de Compostela, 17 de abril.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. Resultaron beneficiarias 9 entidades, cun investimento total de 450.000 euros, cofinanciados polo Fondo social Europeo.

As axudas, que oscilan entre os 20.000 e os 70.000 euros de máximo, están dirixidas a subvencionar proxectos de atención integral coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral a través de accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos; asesoramento social e actuacións de apoio directo; atención psicolóxica; asesoramento xurídico; orientación e asesoramento laboral e atención e asesoramento de traballo de rúa a vítimas de trata de seres humanos.

As entidades beneficiarias deben estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; carecer de ánimo de lucro e ter o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

Tema: