A Xunta colabora con Afaga Alzhéimer para que un cento de mulleres coidadoras da provincia de Pontevedra reciban apoio social, psicolóxico e laboral

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse con representantes da Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga Alzhéimer) para facer balance de iniciativas apoiadas polo Goberno galego

Puxo en valor o compromiso da entidade no traballo con coidadoras únicas das persoas con demencia para proporcionarlles, entre outros, recursos para reengancharse ao mercado laboral no caso de ter renunciado ao traballo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu este ano 35.500 euros á entidade para dar continuidade ao seu programa de atención integral a estas mulleres vulnerables

Multimedia

A Xunta colabora con Afaga Alzhéimer para que un cento de mulleres coidadoras da provincia de Pontevedra reciban apoio social, psicolóxico e laboral

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022.-

Un cento de mulleres da provincia de Pontevedra (de Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Tui, Salceda de Caselas, Baiona, Oia, Crecente e Ponteareas) veñen de participar no programa de atención integral a coidadoras de persoas con demencia que, promovido pola Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga Alzhéimer), apoia a Xunta de Galicia con 35.500 euros este ano. Nun encontro con representantes da entidade, a secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a efectividade desta iniciativa que outorga unha axuda integral ás beneficiarias ás que se lles ofrecen recursos psicolóxicos, de asesoramento legal, de apoio social e para a inserción laboral. 

O proxecto vén de prestar soporte especializado a un cento de mulleres que exercen labores de atención e coidados a persoas con demencia do seu entorno familiar en solitario. O programa ten en conta as posibles patoloxías que estas persoas poden desenvolver a consecuencia desta tarefa, así como as implicacións relacionais, sociais e de índole laboral.  

Tal e como destacou no encontro a secretaria xeral da Igualdade, “resulta evidente que hai que proporcionar recursos de soporte e atención a estas mulleres que carecen de apoio dentro do seu entorno familiar”. Subliñou que programas como o de Afaga son esenciais para o empoderamento feminino e para proporcionar a estas coidadoras tanto a información e formación que necesitan, como espazos de conexión con persoas que pasan polo mesmo.

“Estas labores impactan negativamente tamén na carreira profesional das mulleres”, remarcou López Abella, quen destacou que unha parte do programa de Afaga incida na mellora da súa empregabilidade. “Trátase de poñer en valor a experiencia da atención e o coidado dirixido a persoas en situación de dependencia, para orientarse, de querer facelo, ao sector dos coidados, un espazo laboral con importante demanda”.

A secretaria xeral louvou, neste sentido, a iniciativa de Afaga de crear unha bolsa de emprego para que as beneficiarias do programa poidan atender as necesidades doutras familias que acoden á entidade na procura de profesionais. As mulleres que desexan reorientar as súas carreiras profesionais a outros ámbitos, lembrou, non obstante, teñen tamén a posibilidade de acceder, no marco do programa, a un itinerario personalizado de inserción que tratará de maximizar a formación, as capacidades, as habilidades e a experiencia das usuarias.