A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Vila de Cruces unha das actividades que forman parte do programa ‘Enrédate’.
Vila de Cruces (Pontevedra), 31 de xullo de 2019.-
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Vila de Cruces unha das actividades que se están a realizar no marco do programa Enrédate, dirixido á atención especializada das mulleres con discapacidade que viven no rural.
A Xunta financia esta iniciativa, impulsada pola asociación Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), co obxectivo de potenciar a autonomía e promover a igualdade entre este colectivo especialmente vulnerable pola súa dobre condición de mulleres e persoas con discapacidade; e por habitar en zonas pouco poboadas que condicionan o seu desenvolvemento persoal e social.
A través de Enrédate preténdese prestar un servizo de atención personalizada a aproximadamente 45 mulleres con discapacidade que viven en Camariñas, Fisterra, Vila de Cruces, Porto do Son, e A Cañiza. Ademais das actividades individualizadas prestadas por un equipo multidisciplinar, tamén se promoven actividades grupais para reforzar as redes de apoio e participación entre as propias participantes.
Entre outras accións, as beneficiarias do programa reciben información sobre recursos dispoñibles; fórmanse en estratexias para recuperar ou adquirir habilidades persoais ou sociais; teñen á súa disposición a atención e intervención profesional de traballadores sociais, incluíndo a derivación, de ser o caso, a outros servizos; e contan con atención especializada sobre a súa saúde e benestar psicolóxico, fomentando estados de ánimo positivos e mellorando a autoestima.