A Xunta colabora coa Oficina de Igualdade do Concello de Lalín nunha campaña contra a violencia de xénero

A campaña está especialmente dirixida á mocidade galega, e ten como obxectivo transmitir, a través da música, unha mensaxe clara de rexeite contra a violencia de xénero dende as idades máis temperás

  • A secretaria xeral para a Igualdade esta tarde en Lalín
  • A secretaria xeral para a Igualdade esta tarde en Lalín

Santiago, 26 de xaneiro de 2015.- A Secretaría Xeral da Igualdade colabora coa Oficina de Igualdade do concello de Lalín nunha campaña contra a violencia de xénero posta en marcha polo concello. “A túa voz conta. A música ferramenta imprescindible para loitar contra a violencia de xénero.”

É unha campaña especialmente pensada para a mocidade galega, que ten como obxectivo transmitir, a través da música, unha mensaxe clara de rexeite contra a violencia de xénero dende as idades máis temperás, tratando de anticiparse a unha problemática que afecta a moitas mulleres, cada día máis novas.

Comeza a Vivir é unha canción con unha clara mensaxe positiva de saída do sufrimento provocado pola violencia de xénero -non teñas medo e loita por ti, mírate a un espello, sorrí e di que si. Contigo non pode, debes ser feliz, rompe as cadeas, comeza a vivir- tamén amosa unha inequívoca mensaxe de responsabilidade de toda a sociedade de colaborar na visibilización e denuncia destas situacións e contra o silencio cómplice -Eu berraba, el berraba, todos calaban, ninguén me escoitaba -

Silvia Villanueva e Paula Sueiro, son dúas estudantes lalinenses afeccionadas á música e á composición, que decidiron formar parte da acción voluntaria de apoio a diferentes causas sociais relacionadas coa igualdade no seu concello. Desta maneira xurde a idea de empregar aqueles recursos que mellor dominan, e facer unha canción que poida axudar a cidadanía a reflexionar sobre as características da violencia de xénero. Non só é importante o excelente resultado final coa canción “comeza a vivir”, senón o exemplo de boa practica estas mozas para estimular á xuventude galega que queiran crear e colaborar nos seus concellos na busca dunha sociedade máis igualitaria e amosar con claridade a mensaxe que nesta sociedade a voz da xuventude conta.

A canción que foi representada para as persoas participantes nas actividades de sensibilización con motivo do 25 de Novembro Día Internacional contra a Violencia de Xénero en Lalín, será presentada para o resto do mundo, a través da canle da RTVG na retransmisión en directo do programa LUAR da Gala Gastronómica do Cocido de Lalín, programa especial visto por todas as galegas e galegos do mundo enteiro, e realizado no Multiusos Lalín Arena o venres 6 de Febreiro.

Ademais a canción Comeza a Vivir, tamén se difundirá a través das redes sociais @igualdadenarede e @eigualdad, para poder chegar de maneira viral principalmente á xente mais nova, buscando tamén a complicidade das administracións, da cidadanía, dos medios de comunicación, e de todas aquelas entidades que queiran sumarse e compartir esta iniciativa, co fin de difundir unha mensaxe clara de unión contra a violencia de xénero.