A Xunta colabora coa Asociación Antonio Noche nun programa dirixido a mulleres de especial vulnerabilidade

A Secretaría Xeral da Igualdade financia con case 24.000 euros o programa 'Confeccionando o teu futuro' destinado a promover a igualdade de oportunidades e a non discriminación

O Goberno galego concedeu nos últimos anos máis de 308.000 euros a esta asociación no marco de axudas para fomentar o asociacionismo e a participación de mulleres e destinadas a entidades de iniciativa social para programas para mulleres

Multimedia

 A Xunta colabora coa Asociación Antonio Noche nun programa dirixido a mulleres de especial vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes da Asociación Antonio Noche, coa que a Xunta mantén unha estreita colaboración nos últimos anos.

Neste ano a organización leva a cabo un programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que conta cun orzamento global de case 40.000 euros, dos que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, contribuíu ao seu financiamento cunha aportación de case 24.000 euros, o que supón o 60% do investimento.

A iniciativa, denominada Confeccionando o teu futuro está dirixida a inmigrantes e emigrantes retornadas ou refuxiadas e a mulleres da etnia xitana. O programa está enfocado a promover a igualdade de oportunidades coa aplicación do principio de trato e non discriminación tanto no ámbito laboral como na conciliación da vida laboral e privada. Para iso, lévanse a cabo actuacións encamiñadas a fomentar a igualdade de xénero no eido educativo e laboral, impulsar o emprendemento social, así como aumentar a integración profesional e socio-laboral das persoas migrantes ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión.

O Goberno galego aportou nos últimos anos máis de 308.000 euros á Asociación Antonio Noche no marco de varias liñas de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade como as destinadas a entidades de iniciativa social para programas de mulleres nos que precisamente se inclúe o programa Confeccionando o teu futuro e tamén nas dirixidas a fomentar o asociacionismo e a participación de mulleres.