A Xunta colabora co Programa Daleth de apoio ás vítimas de violencia de xénero e outros colectivos de mulleres vulnerables

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na xornadas de clausura do Programa Daleth

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na xornadas de clausura do Programa Daleth

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde nas xornadas de clausura do Programa Daleth, de apoio ás vítimas de violencia de xénero e outros colectivos de mulleres vulnerables.

Segundo explicou López Abella, a Secretaría Xeral da Igualdade subvenciona o Programa Daleth 2016/2017, a través da orde de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade con preto de 10.000 euros.

O programa vai dirixido ás mulleres vítimas da violencia de xénero, mulleres inmigrantes, mulleres emigrantes retornadas ou refuxiadas e, a mulleres que carecen de titulación ou dunha baixa cualificación. Desenvólvese na provincia de A Coruña, concretamente en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Carballo. Os obxectivos e necesidades sociais que se pretenden cubrir son acadar o empoderamento das mulleres que por diversas razóns son vítimas (ben de xénero ou de outras circunstancias); conseguir que as mulleres sexan as donas do seu futuro; ensinar e capacitar as mulleres en tres eidos: o interior, o exterior e o social; dar un servizo de dedicación e seguimento; prestar un servizo complementario ao que presta a administración pública; mellorar o feito por outras institucións que tamén traballan neste ámbito; chegar ás mulleres do rural na provincia de A Coruña; divulgar e difundir as actuacións para que máis mulleres poidan participar; mellorar a calidade de vida das mulleres e tratar de que sexan o que queiran ser; e converter este proxecto pequeno cada ano en algo máis grande (por número e zoas de influencia).

Mediante o programa lévanse a cabo actividades de asesoramento persoal ás mulleres, actuacións de apoio profesional no eido psicolóxico das mulleres e na súa vertente xurídica, servizos de mediación familiar, servizos formativos de mellora da capacitación puntual das mulleres, servizos de acompañamento na procura de traballo, na orientación laboral e na mellora das técnicas de inserción, e servizos de tutorización.

Ademais, o programa incorporará medidas de integración social, de acompañamento de vixilancia da súa estabilidade, precariedade e orientación no seu caso, sempre que resulte necesario, estando en contacto cos recursos socias que ofrece cada concello segundo a residencia da usuaria.

Tema: