A Xunta clausura un itinerario para a activación laboral no que participaron 70 mulleres desempregadas

O itinerario, coordinado por Igualdade, ofrece formación práctica para detectar oportunidades laborais e mellorar nas habilidades sociais e comunicativas

Participaron mulleres dos concellos galegos de Tui, A Cañiza e Monterrei e a localidade portuguesa de Vila Verde

Monterrei, 5 decembro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá en Monterrei na clausura do itinerario para a activación laboral do Proxecto CEDIM (Centros de Dinamización Integral para as Mulleres), unha iniciativa que permitiu a 70 mulleres desempregadas de Galicia e Portugal obter os coñecementos necesarios para introducirse con éxito no mercado laboral.

O CEDIM é un proxecto transfronteirizo no que participaron os concellos galegos de Tui, A Cañiza e Monterrei e a localidade portuguesa de Vila Verde; e estivo coordinado pola Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Comissâo para a Cidadania e a Igualdade de Género, a Amtega e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ten entre os seus obxectivos mellorar a calidade de vida, potenciar a autonomía e o empoderamento das mulleres e a súa participación no desenvolvemento económico do territorio.

O Itinerario para a activación laboral, de carácter eminentemente práctico, introduce a perspectiva de xénero no deseño e desenvolvemento dos contidos, que se estruturan en dous módulos: Detección de oportunidades de emprego -do que hoxe se entregaban os diplomas en Monterrei- e Mellora das habilidades sociais e comunicativas.

O primeiro módulo, Detección de oportunidades de emprego, xira en torno a dous eixes: o emprego por conta allea e o autoemprego. No primeiro faise unha pequena análise do mercado laboral así como propostas para a reflexión sobre a situación de mulleres e homes no emprego; ademais formúlanse alternativas e sinálanse ferramentas para o éxito nos procesos de busca de emprego. No segundo explóranse as fórmulas máis axeitadas para poñer en marcha unha idea de negocio.

Pola súa banda, o módulo de Mellora das habilidades sociais e comunicativas aborda aspectos como comunicación, as habilidades relacionadas cos sentimentos, o traballo en grupo e a motivación para explorar, dun xeito moi práctico, a parte relacionada coas habilidades persoais, a comunicación e os estilos de conduta social.

Entre os perfís predominantes das alumnas atópanse mulleres paradas de longa duración, mulleres que procuran o seu primeiro emprego e mulleres maiores de 45 anos que queren reincorporarse ó mercado laboral.

Tema: