A Xunta celebra no CEIP Plurilingüe de Outes unha nova sesión de contacontos sobre galegas referentes

A actividade enmárcase no programa Donas de Si co que a Xunta promove o liderado feminino e a loita contra os estereotipos de xénero nos centros escolares

A sesión de hoxe revisará a traxectoria da oceanógrafa Ángeles Alvariño

Outes (A Coruña), 7 de abril de 2022.-
 
A Consellería de Emprego e Igualdade levou hoxe ao CEIP Plurilingüe de Outes unha nova sesión de contacontos ilustrados que, baseada no programa Donas de si, no que toma parte este centros, revisou a traxectoria da oceanógrafa Ángeles Alvariño.
 

A actividade prevista estivo dirixida a alumnas e alumnos de educación infantil e primaria, co obxectivo de que coñezan e recoñezan figuras de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea para achegarse a súa contribución aos eidos da cultural, social, científico, artístico e político.

A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, insírese no programa Donas de si co que o Goberno galego traballa con 65 centros escolares no eido da igualdade. Ao se dirixir ao alumnado de menor idade, seleccionáronse 35 escolas que imparten estes ciclos para participar nesta primeira edición de contacontos ilustrados.

O programa Donas de si trata de favorecer a visibilización e potenciar o liderado das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega. Utilízanse estas figuras como punto de partida para traballar na aula o concepto da igualdade e para eliminar estereotipos de xénero.

Ademais se contribúe a realizar unha aproximación a mulleres relevantes, con especial atención ás máis esquecidas, para divulgar a memoria histórica feminina de Galicia.

Parte da escolma de mulleres protagonistas dos contacontos sae da publicación da colección Mulleres Galegas promovida pola Xunta e integrada por cinco biografías: a da mestra e pedagoga Ernestina Otero; a da oceanógrafa, Ángeles Alvariño; a da artista Maruja Mallo; a da editora María Victoria Moreno; e a da mestra e inventora, Ángela Ruiz Robles. Trátase de libros de pequeno formato nos que xa traballan os centros e que ademais da traxectoria vital das protagonistas inclúen actividades para traballar na aula, que están a dispor de todos os centros interesados na seguinte ligazón.