A Xunta avoga por reforzar a concienciación sobre a realidade da trata con fins de explotación sexual

O Goberno galego porá en marcha mañá a campaña de sensibilización “A túa diversión destroza vidas” con motivo do Día Europeo contra a trata de seres humanos

Galicia foi a primeira comunidade en implicar á Administración autonómica na loita contra esta lacra con medidas para garantir a protección das vítimas e accións de prevención e concienciación

  •  A Xunta avoga por reforzar a concienciación sobre a realidade da trata con fins de explotación sexual
  •  A Xunta avoga por reforzar a concienciación sobre a realidade da trata con fins de explotación sexual

Ferrol, 17 de outubro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na inauguración da VIII Xornada da Rede Galega contra a Trata Sexual a necesidade de incidir na concienciación sobre a realidade da trata con fins de explotación sexual para que a sociedade reflexione sobre a verdade que hai detrás desta situación.

O Goberno galego reafirma a súa condena a esta grave violación dos dereitos humanos e o seu compromiso na prevención e na loita contra a trata de persoas e o seu apoio incondicional ás vítimas. Susana López Abella incidiu en que a Xunta continuará co seu labor neste ámbito co reforzo da información ás vítimas, así como coa colaboración coa Rede Galega contra a Trata.

Ademais, con motivo do Día Europeo contra a trata de seres humanos, a Xunta porá en marcha mañá unha campaña de sensibilización social baixo o lema “A túa diversión destroza vidas” para seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra.

A Administración autonómica traballa desde hai anos en garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.

Xunto coa protección das vítimas, a Xunta aposta por accións de prevención e concienciación dirixidas a toda a poboación, pero sobre todo aos homes mozos, para erradicar estas situacións.

A comunidade galega foi pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra coa sinatura en xaneiro de 2010 dun protocolo entre a Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia para adoptar medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres e nenas vítimas de trata con fins de explotación sexual.

O Goberno galego tamén aprobou a Lei 12/2016 do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007 do 27 de xullo galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Con este cambio, inclúese a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero e incorpóranse as vítimas desta forma de violencia como beneficiarias das prestacións de axudas económicas periódicas da Xunta.