A Xunta avoga pola formación e a coordinación de todo o persoal implicado na loita contra a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na Agasp na inauguración do curso “Violencia de xénero e seguridade pública”

Ao curso asisten máis de 200 policías, voluntario/as de protección civil, xuíces e xuízas, fiscais, psicólogo/as, universitario/as e persoal dos CIM galegos

Ampliarase o concepto de violencia de xénero ao abordar tamén a violencia sexual, o acoso físico ou stalking, o sexting e a trata de seres humanos

Multimedia

Rueda destacou os importantes avances dos últimos anos na loita contra a violencia machista

A Estrada (Pontevedra), 3 de xuño de 2015.O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na Agasp na inauguración do curso “Violencia de xénero e seguridade pública”, onde avogou pola formación e a coordinación de toda a rede de apoio ás vítimas de malos tratos e en especial daquelas persoas que traballan no eido da seguridade pública.

Rueda destacou os importantes avances dos últimos anos na loita contra a violencia machista, especialmente a nivel lexislativo e de ampliación de servizos, pero asegurou que hai que seguir avanzando nesta materia, mellorando na medida do posible a situación das vítimas e evitando en todo momento o sentimento de desamparo.

Así, por exemplo, lembrou que o Observatorio Galego de Violencia de xénero traballa na elaboración dun Protocolo de Coordinación Institucional que deseñe desde unha visión global esa actuación harmónica e conxunta que deben ter todas as administracións en canto xurda un caso de malos tratos.

Ademais, para reforzar o papel das chamadas “administracións de proximidade”, como poden ser os concellos, os CIM ou os distintos corpos de policía local, a Xunta e a Fegamp están a confeccionar unha rede de alerta municipal para a detección temperá de situacións de violencia de xénero.

No caso concreto da seguridade das vítimas, o vicepresidente destacou que nas próximas semanas o Goberno galego vai asinar un protocolo de colaboración coa Xefatura Superior de Policía que facilitará a intervención da Policía Autonómica nestes casos en plena coordinación co corpo estatal.

Máis de 200 profesionais
As xornadas de formación, comunicación, cooperación e colaboración en materia de violencia de xénero desenvolveranse entre hoxe e o venres e contarán con máis de 200 asistentes, entre policías, voluntario/as de protección civil, xuíces e xuízas, fiscais, psicólogo/as, universitario/as e persoal de máis de 50 CIM de Galicia.

Entre outros contidos, abordaranse a a percepción social da violencia de xénero, a tutela procesual e penal das vítimas, os programas de atención psicolóxica especializada, a intervención con homes violentos coas súas parellas e a valoración de risco e actuación das forzas e corpos de seguridade ante a violencia de xénero.

Así mesmo, cobrará especial importancia a análise da violencia de xénero en suxeitos especialmente vulnerables, como poden ser as mulleres con discapacidade intelectual, inmigrantes ou persoas en situación de prostitución; e a ampliación do concepto de violencia de xénero, ao tratar tamén a violencia sexual, o acoso físico ou stalking, o sexting e a trata de seres humanos.

Entre as persoas encargadas dos relatorios destaca a presenza de fiscais e maxistrado/as especializado/as en violencia de xénero, psicólogo/as, representantes de órganos estatais e docentes universitario/as relacionados co mundo do dereito, a psicoloxía ou a medicina forense.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, ofreceu o primeiro relatorio, que estivo centrado na Lei orgánica integral contra a violencia de xénero e no que afirmou que o compromiso da Xunta é articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero a través da asistencia integral ás vítimas e o fortalecemento da prevención.

Tema: