A Xunta avoga pola cooperación entre administracións para evitar duplicidades e ofrecer mellores servizos aos cidadáns

O vicepresidente, Alfonso Rueda, acudiu hoxe a Monforte para formalizar a reversión do Centro Comarcal e coñecer o Centro de Información á Muller

A Xunta impulsa e apoia a cooperación entre concellos e por iso as axudas de Igualdade deste ano reforzaron a prioridade dos proxectos de xestión compartida

  • Rueda aproveitou a súa visita a Monforte para coñecer o Centro de Información á Muller, outro exemplo de cooperación entre administracións no que colaboran Xunta e Concello
  • Rueda aproveitou a súa visita a Monforte para coñecer o Centro de Información á Muller, outro exemplo de cooperación entre administracións no que colaboran Xunta e Concello

Monforte de Lemos (Lugo), 24 de outubro de 2014. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz, asinaron hoxe o convenio de reversión ao Centro Comarcal de Monforte ao Concello, nun acto no que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

O acordo enmárcase en dúas das liñas mestras polas que aposta a Xunta de Galicia: a racionalización da Administración e a cooperación cos concellos, nunha clara mostra de que a suma de esforzos entre administracións evita duplicidades e tradúcese en mellores servizos para os cidadáns.

Desde hai anos o Goberno galego adiantouse nun proceso que logo seguiron o resto de Comunidades Autónomas, buscando a maior eficiencia da Administración. Dentro desa gran aposta pola racionalización atópase a reversión destes centro comarcais aos concellos, dos que a Xunta xa leva materializadas unha ducia, e que tamén amosan a importancia da colaboración entre administracións.

CIM de Monforte
Rueda aproveitou a súa visita a Monforte para coñecer o Centro de Información á Muller, outro exemplo de cooperación entre administracións no que colaboran Xunta e Concello. A esta visita sumouse a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

O vicepresidente explicou que desde a Xunta estase a apoiar ao concellos galegos para que fomenten a igualdade entre homes e mulleres e contribúan a acabar coa violencia de xénero, un problema no que todos -institucións e cidadáns- debemos estar comprometidos.

Por iso a Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar recentemente a resolución das axudas deste ano, con máis de 3 millóns de euros para que os municipios promoven a igualdade, impulsen a conciliación e manteñan os seus CIM, como é o caso de Monforte.

Cooperación entre concellos
Ademais, Rueda destacou que o centro monfortino non só exemplifica a colaboración dos concellos coa Xunta, senón entre os propios municipios; xa que presta servizo a outros cinco concellos máis: Bóveda, Pantón, Pobra do Brollón, Saviñao e Sober, cos que concorreu á convocatoria de axudas para a promoción da igualdade.

Este tipo de cooperación é outra das prácticas que o Goberno galego impulsa e apoia decididamente. Por iso na convocatoria deste ano reforzouse a prioridade dos proxectos de xestión compartida, incrementando a puntuación e a subvención aos concellos que concorresen deste xeito. Así logrouse que os 80 CIM presten xa servizo a 163 concellos.

Desde 2009 o Centro de Información á Muller de Monforte recibiu máis de 250.000 euros para o seu mantemento, sendo os dous últimos anos -cando se agrupou cos outros cinco concellos- os que recibiu o maior montante, cunha media de 57.000 euros. O ano pasado atendeu a 487 mulleres e 2.840 consultas. No que vai de ano leva atendidas a 63 mulleres e un home, ademais de 1.219 consultas.

Tema: