A Xunta avoga en Vigo por políticas de conciliación e corresponsabilidade que promovan a flexibilidade horaria e un bo uso dos tempos nas empresas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha xornada sobre plans de igualdade organizada pola Asociación de Industrial do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime)

Destacou a importancia dos plans de igualdade nas empresas para que exista un equilibrio entre mulleres e homes nos diferentes grupos profesionais e sinalou que son clave para que nas compañías se poidan detectar situacións de discriminación

  •  A Xunta avoga en Vigo por políticas de conciliación e corresponsabilidade que promovan a flexibilidade horaria e un bo uso dos tempos nas empresas
  •  A Xunta avoga en Vigo por políticas de conciliación e corresponsabilidade que promovan a flexibilidade horaria e un bo uso dos tempos nas empresas

Vigo, 14 de marzo de 2022.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en Vigo que a Xunta aposta por políticas de conciliación e corresponsabilidade que promovan a flexibilidade horaria e un bo uso dos tempos nas empresas. Participou nunha xornada sobre plans de igualdade que organizou a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), onde explicou, aos 80 asistentes, que as políticas de conciliación deben ir máis aló das compensacións económicas e basearse tamén en promover unha corresponsabilidade real no fogar e unha redistribución de roles no ámbito familiar. Para iso, indicou que é preciso a concienciación e a educación desde idades temperás e terminar cos estereotipos que aínda están presentes na sociedade.

Segundo Mancha, é necesario que os poderes públicos promovan estas medidas e cambios sociais, pero tamén as empresas a través das actuacións previstas nos seus plans de igualdade, uns instrumentos que definiu como “cruciais” para que exista un equilibrio entre mulleres e homes nos diferentes grupos profesionais. Explicou que a través destes plans poderán detectarse as situacións de desigualdade e discriminación e adoptar, deste xeito, as medidas necesarias para a súa erradicación.

A directora avanzou, ademais, que a Xunta traballa nunha nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. Trátase dun recoñecemento público ás compañías que sexan exemplo de boas prácticas neste eido.

Incidiu que este novo selo é unha medida máis da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que o departamento autonómico destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino ou en axudas ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.

A nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes, ademais, dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. A nova normativa porá o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares e o desfrute da vida persoal.

Tema: