A Xunta asina un convenio de colaboración do Ministerio de Igualdade destinado á atención da violencia de xénero

Este convenio ten como obxectivo garantirlle ás mulleres inmigrantes vítimas da violencia de xénero o dereito á asistencia social integral, así como a actuacións de atención especializada a menores expostos á violencia de xénero. A especialización do persoal que desenvolve o seu traballo en relación directa con mulleres inmigrantes en situación de vulnerabilidade e con nenos e nenas expostos á violencia de xénero é un dos seus campos de actuación.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, asinou un convenio de colaboración co Ministerio de Igualdade destinado tanto a garantir ás mulleres inmigrantes vítimas da violencia de xénero o dereito á asistencia social integral, como a actuacións de atención especializada a menores vítimas indirectas desa mesma violencia de xénero. Para acadar estes obxectivos achegaranse un total de 279.208 euros.

Actuacións

Así, destínanse 203.644 euros á especialización dos profesionais que desenvolven o seu traballo en relación directa con mulleres inmigrantes, para mellorar a calidade na asistencia social no ámbito da violencia de xénero. Esta contía destínase tamén á articulación de programas de intervención coas mulleres inmigrantes, en especial con aquelas en situación de vulnerabilidade. Con esta finalidade elaboraranse estudos e diagnósticos sobre a violencia de xénero en Galicia e desenvolverase un plan de información en violencia de xénero dirixido á poboación inmigrante. 

Os 75.564 euros restantes son para a posta en marcha de programas de intervención directa destinados a nenos e nenas expostos á violencia de xénero. Realizaranse programas específicos de intervención social, psicolóxica e lúdica con menores que estean en centros de acollida para vítimas de violencia de xénero e en puntos de encontro familiar, así como programas formativos en violencia de xénero para profesionais que teñen un traballo no cal están en contacto directo con menores.

No marco dos programas de actuación destinados a menores hai que destacar a colaboración coa Fundación Preescolar na Casa, que desenvolve unha proposta de educación infantil e de formación de pais e nais xa moi consolidada e que a partir deste ano fomentará especificamente a inclusión do valor da igualdade como método de prevención da violencia de xénero nos contidos desenvolvidos nos seus programas de formación.

Colectivo: