A Xunta aposta por unha Lei de emprendemento que reforce a igualdade de oportunidades

A secretaria xeral de Igualdade e o director do Igape mantiveron un encontro para avanzar na elaboración da norma legal destinada a favorecer a creación e a consolidación de novas iniciativas empresariais en Galicia

A Unidade Galicia Emprende facilitará en menos de 30 días o informe de viabilidade dos proxectos e a creación de empresas en 48 horas

A futura lei incorporará ademais distintos incentivos económicos e fiscais

Multimedia

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, durante o encontro

Santiago, 15 de abril de 2013. O director xeral do Igape, Javier Aguilera, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, mantiveron hoxe un encontro destinado a consensuar posibles medidas para favorecer e reforzar, a través da futura lei de Emprendemento de Galicia, a igualdade de oportunidades para a posta en marcha de novas empresas.

Durante o encontro, que forma parte da rolda de contactos impulsada pola Consellería de Economía e Industria cos diferentes axentes económicos e sociais galegos, avaliáronse posibles medidas destinadas a garantir a igualdade efectiva das emprendedoras para promover, impulsar e consolidar novas empresas en Galicia.

A nova lei de Emprendemento de Galicia ofrecerá aos emprendedores un marco integral de apoio, para tratar de converter aos impulsores de novas iniciativas empresariais en axentes fundamentais na creación de emprego.

Un dos obxectivos da norma é acadar un incremento do 60% na Taxa de Emprendemento nos próximos catro anos, alcanzando a cifra de 130.000 emprendedores. Para iso, a Unidade Galicia Emprende facilitará en menos de 30 días o informe de viabilidade dos proxectos xa maduros que se presenten. Ademais, simplifícanse os trámites administrativos para a constitución dunha empresa, coa fin de poder desenvolvelos en menos de 48 horas. Entre outras medidas de carácter fiscal, a futura lei inclúe a mobilización de 15 millóns de euros a través dun novo fondo de capital risco e dunha liña de microcréditos para proxectos emprendedores.

Deste xeito, prevese configurar un instrumento fundamental para dotar a Galicia dun marco integral de apoio ás novas iniciativas empresariais, en todas as fases do negocio, desde o comezo ata a súa consolidación.

Tema: