A Xunta aposta por seguir impulsando a incorporación das mulleres aos ámbitos de decisión do medio rural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na Xornada “Atrévete contigo mesma”, organizada por AGACA

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na Xornada “Atrévete contigo mesma”, organizada por AGACA

Meaño (Pontevedra), 13 de novembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe a necesidade de seguir impulsando a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e do desenvolvemento rural, para que a súa presenza nestes ámbitos de decisión sexa proporcional á súa importancia dentro do sector.

Así o destacou hoxe durante a inauguración da xornada “Atrévete contigo mesma”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), en colaboración coa Obra Social La Caixa, e que tivo lugar na Bodega Paco&Lola, na que apelou á importancia de promover a incorporación de plans ou medidas de igualdade nas institucións, organismos, empresas, cooperativas, organizacións profesionais e grupos de acción local.

Na súa intervención, López Abella eloxiou o papel que desenvolven as emprendedoras rurais, en tanto constitúen un motor da economía e sinalou varios ámbitos de actuación prioritarios para avanzar cara a igualdade neste sector, como pode ser o fomento da visibilización das mulleres, o impulso do emprendemento e a promoción da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Dende a Secretaría Xeral da Igualdade, estamos convencidas de que para mellorar a situación das mulleres rurais é fundamental entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego, impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes, rematou López Abella.

Tema: