A Xunta aposta por reforzar a prevención da violencia de xénero entre a mocidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe no IES de Curtis a mostra “Á Violencia de xénero...Dille NON!”

A xuventude é un colectivo especialmente vulnerable e está exposto, ademais, a novas formas de malos tratos a través das redes sociais

  • Susana López Abella na mostra “Á violencia de xénero...Dille NON!”
  • Susana López Abella na mostra “Á violencia de xénero...Dille NON!”
  • Susana López Abella na mostra “Á violencia de xénero...Dille NON!”
Curtis (A Coruña), 14 de febreiro de 2017.- A exposición “Á violencia de xénero...Dille NON!”, promovida pola Xunta de Galicia, chegou hoxe ao concello de Curtis co obxectivo de impulsar a sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a mocidade.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, achegouse hoxe ata esta mostra, que se pode visitar no IES da localidade. Ao acto tamén asistiron os alcaldes de Curtis, Javier Caínzos; Vilasantar, Fernando Pérez; e Sobrado, Luis Lisardo Santos.

López Abella destacou a importancia destas iniciativas dirixidas aos adolescentes, xa que constitúen un colectivo especialmente vulnerable e que exposto, ademais, a novas formas de malos tratos a través das redes sociais.

Esta exposición inscríbese no conxunto de actuacións que está impulsando o Goberno galego nos 78 concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que buscan dar un pulo á prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas e ás súas fillas e fillos. Estes proxectos -que non comportan custo algún para as entidades locais- inclúen obradoiros educativos; programas de asesoramento e terapia familiar; charlas informativas; e exposicións, como a visitada hoxe en Bóveda.

A exposición “Á violencia de xénero...Dille NON!” chegará a un total de 15 concellos para axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas súas relacións. Ademais, tamén se desprazará a 10 centros educativos, no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Tema: