A Xunta aposta por impulsar recursos específicos para facer fronte á dobre discrimnación que padecen as mulleres con discapacidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Ourense no XI Encontro da muller xorda de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe a necesidade de seguir impulsando recursos específicos que permitan facer fronte á dobre discriminación que padecen as mulleres con discapacidade.
 
Así o destacou hoxe en Ourense durante a inauguración do XI Encontro da muller xorda de Galicia, unha iniciativa promovida pola Federación de Asociacións de Persoas xordas de Galicia (FAXPG). No acto tamén participaron o presidente da FAXPG, Iker Sertucha, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
 
López Abella destacou que os recursos específicos, como os que promove a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), son fundamentais para conseguir que as mulleres xordas, con discapacidade auditiva ou xordocegas poidan acadar un papel laboral, social e familiar acorde ás súas potencialidades, evitando situacións de marxinación e exclusión.
 
Ao respecto, lembrou que a Secretaría Xeral da Igualdade mantén unha colaboración estable coa FAXPG, que ten recibido desde 2009 preto de 200.000 euros ao abeiro da orde de subvencións a entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
 
A colaboración coa FAXPG esténdese tamén á atención de mulleres vítimas de violencia de xénero. En concreto, a Xunta colabora coa FAXPG para que os seus intérpretes poidan axudar, de ser o caso, a que vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva (así como os seus fillos e fillas ou persoas do seu contorno familiar) poidan acceder á atención psicolóxica que se presta a través dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Tema: