A Xunta aposta por fomentar a igualdade na xuventude para construír un futuro xusto, igualitario e libre de violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade participou hoxe no acto de inauguración do curso de verán da UdC de Políticas de Inclusión e Comportamento Social

Na procura dunha sociedade máis igualitaria, solidaria, xusta e co sentido de comunidade, aspectos nos que o papel da muller cobra especial transcendencia

Multimedia

Sada (A Coruña), 26 de xullo de 2016.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella participou esta maña na inauguración do curso de verán da Universidade de Coruña de Políticas de Inclusión e Comportamento Social, onde destacou a necesidade de fomentar a igualdade na xuventude para construír unha sociedade xusta, igualitaria en dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, e libre de violencia de xénero.

López Abella incidiu na concienciación social para previr a violencia de xénero e, na prioridade e deber do Estado, de apoiar á xuventude e de actuar nesta etapa reforzando a sensibilización e a educación, co fin de que a mocidade sexa capaz de recoñecer condutas nocivas de violencia de xénero e poidan evitalas, para construír así unha sociedade sobre a liberdade, a tolerancia e o respecto, porque a mocidade de hoxe será a sociedade de mañá.

Segundo palabras da titular de Igualdade, o 81 por cento da mocidade coñece a Lei integral contra a Violencia de Xénero, o teléfono 016 ou algunha campaña de sensibilización; e o 88 por cento da adolescencia sabería onde acudir para interpoñer unha denuncia por malos tratos. Sen embargo, aínda que a mocidade coñece os instrumentos de sensibilización, ofrece aínda certas condutas preocupantes, un de cada tres xoves considera aceptable certas condutas sobre o control da parella, como nos horarios, as amizades ou a vestimenta.

O curso de verán da UDC de “Políticas de Inclusión e Comportamento Social: A Xuventude e a Construción do Futuro Social.” Vai dirixido a estudantes, profesionais da saúde, da educación, e aos servizos sociais e comunitarios, para posibilitar a formación continua e promover o debate e análise acerca da inclusión social e comunitaria. Trátase do desenvolvemento deste capital en canto á procura dunha sociedade máis igualitaria, solidaria, xusta e co sentido de comunidade, aspectos nos que o papel da muller cobra especial transcendencia.

No acto de inauguración tamén participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; a deputada de Servizos Sociais da Deputación Provincial, Ánxela Franco; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo; a vicerreitora da UDC, Margarita Amor; entre outros.