A Xunta aposta por fomentar a corresponsabilidade para acadar a igualdade completa no mundo laboral

A titular de Igualdade, Susana López Abella, participou na presentación do libro ‘Corresponsabilidade familiar e empregos do tempo no ámbito universitario’

Desde 2007 Igualdade ofreceu axudas a máis de 1.500 homes e nais de familias monoparentais que reducen a súa xornada laboral para o coidado de menores

  • Susana López Abella na presentación do libro
  • Susana López Abella na presentación do libro
  • Susana López Abella na presentación do libro

Santiago, 3 de xuño de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá nun acto da USC no que destacou a necesidade de avanzar cara a corresponsabilidade como contrapunto para conseguir a igualdade completa das mulleres no mundo laboral.

López Abella participou na presentación do libro Corresponsabilidade familiar e empregos do tempo no ámbito universitario. O persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, unha publicación que xurdiu dun proxecto de investigación cofinanciado polo departamento de Igualdade da Xunta e o Fondo Social Europeo.

A secretaria xeral incidiu en que é imprescindible sensibilizar ao conxunto da cidadanía na interiorización de que a conciliación non é un “problema das mulleres” senón da sociedade na súa totalidade, e que tanto homes coma mulleres deben ser solidariamente responsables. Para cumprir con ese obxectivo, asegurou que é necesario que as administracións desenvolvan accións encamiñadas a “visibilizar e valorizar” o reparto equitativo de tarefas.

Neste sentido, explicou que no ano 2007 a Secretaría Xeral da Igualdade iniciou unha liña de axudas para aqueles homes que reducen a súa xornada laboral para o coidado dos seus fillos e fillas menores. Nestes sete anos 1.172 homes e 407 mulleres, nais de familias monoparentais, obtiveron estas axudas da Xunta de Galicia.

Así mesmo, López Abella lembrou que o VI Plan de Igualdade do Goberno galego, contempla actuacións de estímulo á corresponsabilidade na conciliación de vida profesional, familiar e persoal das mulleres e dos homes, agrupadas nun eixe concreto, denominado ‘Conciliación corrsponsable e calidade de vida’.

O obxectivo que se persegue con estas medidas é reforzar unha asunción equilibrada entre mulleres e homes dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares e dos tempos dedicados ao traballo remunerado e á formación, así como ao ocio e á vida social, de xeito que se reduza a fenda de xénero e se avance nun modelo de organización social que facilite unha boa calidade de vida para todas as persoas e unha maior produtividade e satisfacción respecto ao traballo.

O acto estivo organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e contou coa participación da editora da publicación, a catedrática Mª Xosé Rodríguez Galdo; o reitor da Universidade de Santiago, José Casares Long; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés.