A Xunta aposta por consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade e libre de estereotipos de xéneros

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron hoxe o XIX Foro galego de educación en igualdade

A Xunta xa está traballando no deseño e elaboración de contidos da materia de igualdade de xénero para o primeiro curso de bacharelato

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron hoxe o XIX Foro galego de educación en igualdade
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, apostaron hoxe por consolidar un sistema educativo comprometido coa igualdade entre homes e mulleres e libre de estereotipos de xénero.

Ambos representantes da Xunta encargáronse de inaugurar esta tarde o XIX Foro galego de educación en igualdade, que este ano leva por título “Unha educación libre de estereotipos de xénero. Ferramentas e experiencias educativas para a prevención da violencia de xénero”.

Ao respecto, López Abella destacou a importancia de seguir avanzando na configuración dun modelo educativo baseado na coeducación, en tanto considerou que a xuventude e a poboación adolescente deben contribuír de xeito singular á fin da violencia contra a muller.

Os últimos estudos seguen poñendo de manifesto que as relacións entre rapaces e rapazas seguen a ser asimétricas, e que desde a adolescencia a mentalidade sexista baseada no dominio e a submisión é a principal condición de risco de violencia de xénero. Ademais, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o 28,8% das adolescentes sufriu nalgún momento da súa vida violencia de control.

Para conseguir erradicar esta situación, proporcionar ferramentas para identificar estas condutas, e avanzar cara unha igualdade real, a Xunta está a tomar diversas medidas. Entre elas, destaca a aprobación en 2016 do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia, que constitúe unha verdadeira folla de ruta para todas as actuacións na materia.

Ademais, entre outras medidas concretas, cómpre destacar que este curso se puxo en marcha por vez primeira un novo ciclo formativo de promoción de igualdade de xénero de Formación Profesional no CIFP A Xunqueira da Pontevedra; ofrécese ao alumnado de 1º e 2º de ESO a materia de libre configuración autonómica “Igualdade de xénero” e xa se está traballando no deseño e elaboración desta materia para o primeiro curso de bacharelato; así como tamén se puxo en marcha o ano pasado o proxecto “Maletas viaxeiras”, que aglutina material sobre igualdade, violencia de xénero e educación afectiva e sexual.

Tema: