A Xunta aposta por acadar a igualdade da muller rural a través da conciliación, a corresponsabilidade e o fortalecemento asociativo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xornada sobre a titularidade compartida das explotacións agrarias

Sinalou tamén como medidas necesarias a promoción do emprendemento e o fomento do uso das TIC

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xornada sobre a titularidade compartida das explotacións agrarias
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xornada sobre a titularidade compartida das explotacións agrarias
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por seguir tomando medidas para acadar a igualdade real da muller rural, e propuxo como accións prioritarias incrementar a súa visibilidade a través do fortalecemento do tecido asociativo; promover o emprendemento; favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade; e fomentar do uso das TIC.
 
Así o destacou hoxe nunha ponencia titulada “Empoderamento das mulleres no medio rural”, que impartiu no seo dunha xornada sobre a Lei 35/2011 de titularidade compartida das explotacións agrarias.
 
No que se refire ao fortalecemento das asociacións, considerou que o movemento asociativo rural é unha importante canle de promoción da igualdade de oportunidades. A Xunta, pola súa banda, apoia o seu labor a través da participación e colaboración activa en xornadas, así como con convocatorias de axuda, como a destinada ás entidades que desenvolven programas en situación de vulnerabilidade, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. A través desta liña, subvenciónanse este ano un total de 10 asociacións específicas de mulleres rurais, cun importe superior aos 273.000 euros.
 
Considerou, ademais, que promover a conciliación é fundamental, para impedir que o desigual reparto de tarefas sexa unha carga para que as mulleres poidan acceder a postos de responsabilidade. Neste sentido, recordou que a Xunta financia programas de conciliación dos concellos e que aprobou este mesmo ano un novidoso Plan de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021.
 
Por último, López Abella fixo tamén fincapé na necesidade de promover o emprendemento como unha ferramenta de empoderamento; de fomentar o coñecemento e uso avanzado das Tecnoloxías da Información, fundamentais para brindar novas oportunidades no desenvolvemento rural; e de seguir impulsando a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario.
Tema: