A Xunta aposta polo sector educativo como axente clave no cambio de valores de cara á igualdade de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da II Xornada Universitaria Galega en Xénero

A Xornada achégase cada ano aos temas de xénero desde diferentes perspectivas

  • A secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de inauguración da II Xornada Universitaria Galega en Xénero
  • A secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de inauguración da II Xornada Universitaria Galega en Xénero
  • A secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de inauguración da II Xornada Universitaria Galega en Xénero

Ferrol, 12 de xuño de 2014. A secretaria de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de inauguración da II Xornada Universitaria Galega en Xénero que tivo lugar no campus de Ferrol, e no que destacou que o sector educativo é un dos axentes claves no cambio de modelos e de valores de cara á igualdade de xénero. Este ano a xornada céntrase nas desigualdades de xénero en tres eixes fundamentais: o das mulleres no eido da ciencia e na tecnoloxía, na violencia simbólica e real e na migración

Susana López Abella insistiu en que o papel da investigación é fundamental para a materia de igualdade, recoñecendo a importancia que teñen os estudos de xénero como ferramenta para o coñecemento e recoñecemento do papel das mulleres na sociedade, afirmando así que a visibilidade é outro factor a ter en conta no cambio e creación de novos valores.

A secretaria apuntou que dende o Goberno galego considérase necesario incrementar a presenza de mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico da Comunidade, así como promover actuacións dirixidas a eliminar os desequilibrios no relativo á formación, necesidades que se recollen como obxectivos do VI Plan Galego de Igualdade.

En canto ao ámbito laboral, López Abella recoñeceu que maila os importantes avances acadados neste sector, a presenza de mulleres nos ámbitos de toma de decisións segue a ser, xunto coa loita contra a violencia de xénero, asuntos nos que convén incidir de xeito firme nos vindeiros anos.

No acto de inauguración a secretaria xeral estivo acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e de representantes das tres universidades galegas. A xornada continuará coa conferencia A nova misoxinia e tres mesas redondas que abordarán temas como a migración e o xénero, a violencia simbólica como violencia real e o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía.