A Xunta aposta polo potencial da actividade económica no rural como oportunidade de negocio para as mulleres emprendedoras

A secretaria xeral da Igualdade clausurou hoxe o "Obradoiro de emprendemento feminino para a dinamización de novos proxectos", organizado por Agaca

No acto, Susana López Abella destacou o compromiso que ten o Goberno galego co medio rural, eido que conta cun gran potencial para o emprendemento feminino

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta tarde á xornada de clausura do ‘Obradoiro de emprendemento feminino para a dinamización de novos proxectos’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta tarde á xornada de clausura do ‘Obradoiro de emprendemento feminino para a dinamización de novos proxectos’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta tarde á xornada de clausura do ‘Obradoiro de emprendemento feminino para a dinamización de novos proxectos’

Ames (A Coruña), 30 de xullo de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta tarde á xornada de clausura do ‘Obradoiro de emprendemento feminino para a dinamización de novos proxectos’, organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e que tivo lugar nas instalacións de Feiraco, no concello coruñés de Ames.

Durante a xornada, López Abella anunciou que a Secretaría Xeral da Igualdade está a traballar nun estudo que analice o potencial da diversificación da actividade económica no rural como oportunidade de negocio para as mulleres emprendedoras, enmarcado dentro do VI Plan para a Igualdade entre Mulleres e Homes.

Nesta liña, a titular da Igualdade apuntou que esta análise estase a facer en base a dúas vías igualmente relevantes. Por unha banda, a través dun convenio de colaboración ca Escola de Organización Industrial do Ministerio de Economía e Industria, e por outra; coa aprobación dunha Comisión de Estudo sobre a Muller no Rural por parte do Consello Galego das Mulleres, órgano participativo onde están representados distintos departamentos da Xunta, asociacións de mulleres e sindicatos.

Ademais, López Abella destacou que é necesario apoiar á realización de proxectos empresariais no medio rural, onde se poden encadrar iniciativas de cooperativas galegas que manifesten interese neste ámbito. Precisamente para este fin, a Secretaría de Igualdade conta co programa EMEGA, dotado anualmente cun orzamento de preto de 700.000 euros, dedicado ó empredemento feminino e onde se poderían encadrar estes proxectos.

Deste xeito queda constatado o compromiso do Goberno Galego co medio rural, xa que segundo recalcou a responsable en materia da Igualdade da Xunta, este constitúe un campo cun gran potencial para o emprendemento feminino e que serve de equilibrio do desenvolvemento de Galicia, dentro do contexto dunha sociedade moderna e definida por novos valores.

Esta xornada, na que participou a secretaria xeral da Igualdade e o presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e Feiraco, José Montes, deu por clausurado o obradoiro, que dende o pasado venres 21 de xullo estaba en funcionamento co fin de poñer en marcha accións emprendedoras orientadas a mulleres no eido rural. A última das actividades celebradas hoxe e que pechan o obradoiro foi o curso “O plan emprendedor e os métodos de financiamento”, impartido polo técnico de Agaca, David Vila.