A Xunta aposta pola promoción do emprendemento feminino e da participación das mulleres no ámbito da innovación

Alfonso Rueda destacou a importancia de “aproveitar as potencialidades do talento feminino en tódolos sectores e a necesidade da implicación das administracións para que as emprendedoras poidan empezar a súa actividade empresarial”

  •  A Xunta aposta pola promoción do emprendemento feminino e da participación das mulleres no ámbito da innovación
  •  A Xunta aposta pola promoción do emprendemento feminino e da participación das mulleres no ámbito da innovación
  • Alfonso Rueda destacou a importancia de “aproveitar as potencialidades do talento feminino en tódolos sectores e a necesidade da implicación das administracións para que as emprendedoras poidan empezar a súa actividade empresarial”

Teo (A Coruña), 10 de marzo de 2020.

  • O vicepresidente da Xunta visitou hoxe unha empresa de servizos técnicos de enxeñaría topográfica baseados no uso de drons e que foi beneficiaria do programa Emega.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, visitou esta mañá a empresa Xeodron, onde destacou a importancia de fomentar a presenza das mulleres e o emprendemento feminino no eido da innovación para contribuír ao crecemento económico desde unha perspectiva de igualdade.

Xeodron é unha empresa que ofrece servizos de enxeñaría topográfica baseados na utilización de drons para a elaboración de cartografía. Esta iniciativa posta en marcha por unha enxeñeira en xeomática e topografía, que ademais conta co certificado de pilota de vehículos aéreos non tripulados, é unha das beneficiarias do programa Emega. En concreto, da liña destinada a incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

As axudas do Emega están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. En concreto, no obxectivo 8.4.1., que busca aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina.

Alfonso Rueda incidiu na importancia de aproveitar as capacidades do talento feminino e as novas oportunidades de negocio en tódolos sectores e sobre todo no terreo da innovación con proxectos vinculados á I+D+i ou ás tecnoloxías da comunicación (TIC), que permitan un crecemento intelixente e sustentable. Por iso, avoga por favorecer a creación de postos de traballo para as mulleres e o emprendemento feminino desde a innovación como motor de cambio e progreso de Galicia.

Nesta liña, considera que o programa Emega permite a promoción, a participación e a progresión das mulleres no mercado do traballo e axuda a acadar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

O vicepresidente da Xunta tamén destacou a importancia de axudar ás emprendedoras que buscan apoio para levar a cabo unha idea empresarial e que conten cun asesoramento continuado que garanta a viabilidade dos proxectos, como se leva a cabo a través do servizo de asesoramento e titorización que teñen á súa disposición as promotoras das iniciativas empresariais beneficiarias do Emega. Considera que as mulleres que queren emprender en Galicia “precisan da implicación das administracións no momento que empezan a actividade e esa axuda é o que marca en moitos casos a diferencia entre que decidan ou non poñer en marcha o seu proxecto empresarial”.

Tamén lembrou que nos dez anos en funcionamento do programa Emega son moitas “as historias de éxito de empresas consolidadas que tiveron o apoio que precisaban para demostrar o que son capaces de facer moitas mulleres con talento na nosa comunidade e que á medida que foron medrando os seus negocios puideron contratar a outras mulleres”.