A Xunta aposta pola prevención da violencia de xénero na infancia e na adolescencia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, participaron hoxe na presentación do libro “Berrando ao mundo”

Esta iniciativa, impulsada pola Fundación Juan Soñador, busca promover a educación en igualdade na adolescencia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, apostaron hoxe por fomentar a prevención da violencia de xénero entre os nenos e nenas e adolescentes que conviven con estas situacións.

Así o sinalaron hoxe durante a presentación do libro “Berrando ao mundo”, impulsado pola Fundación Juan Soñador co obxectivo de promover a educación en igualdade na adolescencia.

López Abella recordou que no ano 2015 producíronse importantes modificacións lexislativas no Sistema de protección á infancia e á adolescencia, con medidas dirixidas á mellora da atención e á protección dos fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia, como a trata de seres humanos. Igualmente, o Estatuto da Vítima, de 2015, tamén inclúe como vítimas aos menores que crecen en situacións de violencia.

Así, e co motivo de seguir apoiando a estes menores, a Xunta impulsou, en colaboración coa Fundación Juan Soñador, o proxecto “Berrando ao mundo, proxecto de intervención con adolescentes, mozos e mozas en risco de exclusión social para o fomento da igualdade”. Ao abeiro desta iniciativa, en decembro de 2016 leváronse a cabo distintas xornadas de formación cos profesionais que traballan con menores, como o persoal técnico dos centros de menores, dos CIM ou dos servizos sociais municipais.

O libro presentado hoxe, de carácter fundamentalmente práctico, inclúe numerosas actividades para aquelas persoas interesadas en traballar sobre igualdade de xénero con adolescentes e é o resultado dos obradoiros realizados con adolescentes pola Fundación Juan Soñador nesta materia.

Por outra banda, na súa intervención, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, sinalou que é fundamental a detección dos primeiros indicios de comportamentos abusivos que poidan aparecer entre os máis novos, a identificación da violencia psicolóxica que resulta máis difícil de detectar por quen a sufre e saber que facer para evitar que poidan terminar en formas de violencia de xénero aínda máis graves, así como aprender a manexar as situacións de violencia. Nesta liña, apuntou que “é imprescindible responsabilizar aos nosos adolescentes cara á igualdade de dereitos, educar en corresponsabilidade, igualdade e participación para fomentar a non discriminación entre homes e mulleres”.


Amparo González cualificou de “especialmente atroz” a violencia que sofren os menores que viven e crecen nunha contorna familiar onde está presente a violencia de xénero. Ao respecto destes casos, indicou que “as actuacións dos poderes públicos deben estar encamiñadas a garantir o apoio necesario para procurar a permanencia dos menores coa súa nai, así como a súa protección, atención especializada e protección”.


Por último, a directora xeral de Familia lembrou que a carteira de servizos sociais da Xunta inclúe un servizo específico de apoio as familias nas que se viven situacións de malos tratos, e que está especialmente dirixido a nenos, nenas e adolescentes que son testemuña desta violencia ou a sofren directamente. Nesta liña, a responsable deste departamento autonómico considerou básico “dotar aos profesionais de formación necesaria para adquirir as habilidades e ferramentas básicas de atención e intervención aos nenas e nenos vítimas directas ou indirectas da violencia de xénero”.

Tema: