A Xunta aposta pola igualdade empresarial e pola formación na prevención e tratamento da violencia de xénero

Estas iniciativas enmárcanse nun convenio de colaboración entre Igualdade e a Egap e están dirixidas ao persoal das administracións locais galegas

As accións formativas, que se desenvolverán nos vindeiros meses, tentan introducir a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da xestión municipal

Santiago, 1 de setembro de 2013. A Xunta aposta pola formación en vías de igualdade empresarial e pola prevención e tratamento da violencia de xénero dos e das profesionais pertencentes ás administracións locais galegas, no marco da Escola para profesionais da igualdade.

Esta iniciativa on-line, que xa vai pola súa terceira edición, desenvolverase entre os meses de setembro a novembro e forma parte dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e maila Egap. Así realizaranse nos vindeiros meses os cursos Vías de igualdade para o emprendemento: a empresa cooperativa, A Trata de persoas con fins de explotación sexual e Discapacidade e Violencia de Xénero.

O obxectivo das actividades é a de contribuír á introdución da perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da xestión municipal, potenciando e elevando as capacidades e destrezas do persoal doutras áreas clave para a igualdade entre mulleres e homes coa intención de fomentar un traballo interdisciplinar que permita prestar unha atención de carácter integral ás persoas usuarias.

Cada unha das iniciativas ten 60 horas de duración e inclúe titorías especializadas para o seguimento do alumnado e resolución de dúbidas. A realización completa de cada un dos cursos, superando con aproveitamento as probas de avaliación propostas, dará dereito a unha certificación acreditativa expedida en conxunto pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Egap.

Estes cursos enmárcanse nun convenio de colaboración entre ambas institucións para o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador; actuando de forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizacionais de cada unha delas, e redundando, sen dúbida, no beneficio da cidadanía e da sociedade galega no ámbito específico da igualdade de xénero.

Promoción da igualdade
A Secretaría Xeral da Igualdade organizou tamén este ano, en colaboración coa Escola Galega da Admininistración Pública, outros cursos que recibiron moi boas valoracións dos profesionais que participaron neles. Trátanse dos cursos Xénero e Discapacidade, realizado entre outubro e decembro, e Impacto da violencia de xénero en nenos, nenas e adolescentes, cursado de maio a xullo.